Despedidas/os da residencia Valle Inclán de Vilanova reclaman mantemento do emprego diante da Xunta

Fixeron entrega dun escrito no edificio de San Caetano solicitando unha xuntanza coa conselleira de Traballo e Benestar
O colectivo de despedidas/os de Viajes Silgar, empresa que xestiona a residencia de maiores Valle Inclán de Vilanova de Arousa, concentráronse hoxe diante do edificio da Xunta de Galiza en Santiago para reivindicar unha vez máis o mantemento dos seus postos de traballo. Ao mesmo tempo, fixeron entrega dun escrito no que reclaman unha xuntanza coa conselleira de Traballo para abordar a problemática laboral.
24/1/14.

A intención das afectadas/os, ademais de esixir o mantemento do emprego no centro, era solicitar a reunión coa conselleira Beatriz Mato tras as declaracións feitas pola responsábel autonómica durante unha visita recente a Vilagarcía nas que aseguraba que descoñecía o que estaba a acontecer na residencia Valle Inclán.

“Hai que lembrarlle á conselleira que o colectivo de traballadoras/es fíxolle chegar 39 escritos (un por cada despedida/o) a finais do ano 2013 no que explican a problemática que están a sufrir e tras o que ela mesma se comprometeu a convocalas a unha reunión que nunca se chegou a producir”, indican dende a CIG-Salnés.

Outra das declaracións que fixo a responsábel autonómica durante a súa estancia en Vilagarcía foi que non tiña coñecemento de ningún traspaso de cartos do convenio que mantén a Xunta coa empresa Viajes Silgar.

“Cabe recordarlle que tanto a Administración autonómica como o administrador concursal de Viajes Silgar están cedendo estes cartos á nova concesionaria da residencia, a empresa Nurtime, a pesar de que o convenio non foi subscrito con ela e de que non conta coa autorización administrativa para a xestión dun xeriátrico”.

Finalmente, dende a central nacionalista dan conta dunha nova sentenza favorábel que condena por represión sindical ás empresas Viajes Silgar e Nurtime obrigándoas a readmitir unha traballadora, abonarlle os salarios de trámite e a indemnización A vindeira semana hai oito novos xuízos na Audiencia de Pontevedra polos mesmos motivos.

Documentos
Escrito presentado reclamando unha xuntanza coa conselleira de Traballo