TSXG anula a lista de afectados/as polo ERE de Securitas na provincia de Pontevedra

A CIG presentara conflito colectivo porque 20 dos 28 traballadores/as incluídos no expediente eran afiliados/as da central
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de anular a lista de persoas afectadas polo ERE de Securitas na provincia de Pontevedra ao entender que a compañía vulnerou o dereito fundamental de liberdade sindical e condena a empresa a readmitir ou indemnizar os traballadores/as. A CIG presentara demanda de conflito colectivo porque 20 dos 28 traballadores/as incluídos no expediente eran afiliados/as da central nacionalista.
31/1/14.

O responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Pedro Pérez, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto con tres dos catro delegados da central no comité de empresa de Securitas na provincia de Pontevedra para dar conta da recente decisión xudicial.

O responsábel sindical explicou que o ERE foi pactado entre as partes e aprobado en asemblea polos empregados/as, “pero o problema chega cando a empresa entrega a lista de afectados/as e comprobamos que non cumpre os criterios que se estableceran durante a negociación”.

Diante disto, a CIG decide levar o asunto á Inspección de Traballo, tras o que a compañía accede a cambiar a lista, “aínda que continúa sen cumprir os criterios”, polo que deciden presentar demanda de conflito colectivo por vulneración do dereito de liberdade sindical xa que “20 das 28 persoas que figuraban na primeira lista eran afiliadas da central”. Tras os cambios na relación de afectados/as a situación non mudou xa que a compañía incluíu a 16 afiliados/as da CIG.

En canto aos criterios, Pérez sinala que se estableceron cuestións como o absentismo, os expedientes e sancións ou as rotacións solicitadas por clientes. “Pero o único criterio que cumprían a maioría dos finalmente afectados/as polo ERE era que estaban afiliados/as á central, así que tiveron que falsealos”, censura.

No que respecto ao contido da sentenza, o responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Servizos explica que recolle que a empresa non presentou as probas pertinentes para demostrar que non vulnerou o dereito de liberdade sindical. “Ao mesmo tempo demostrouse que entorpeceron a entrega da información e documentación solicitadas tanto pola nosa parte como polo propio tribunal”, critica.

Isto provocou que o proceso se prolongase no tempo -incluíndo dous adiamentos do xuízo-, tendo en conta que o ERE foi aprobado en maio de 2013. Con todo, Pérez lembra que o expediente segue en pé xa que foi pactado entre as partes (a empresa pretendía despedir até 53 traballadores/as dun total de 179), polo que se pregunta como se vai elaborar a lista a partir de agora “unha vez que os criterios xa están viciados”.

A decisión da empresa de seguridade de aplicar un ERE na provincia de Pontevedra coincidiu no tempo coa crise de Pescanova, xa que a pesqueira decidiu prescindir de 21 empregados/as de seguridade que pertencían precisamente a Securitas.