Persoal de limpeza dos centros de saúde de Ferrol denuncia a redución da xornada laboral
Durante a protesta, demandouse a Ingesan que restaure a xornada que até agora tiñan os traballadores e as traballadoras do servizo, e reclamouse do Sergas que rescate de inmediato a concesión ante os incumprimentos por parte da empresa.
Nos pregos de condicións para a adxudicación do servizo de limpeza dos centros de saúde de Ferrol e a comarca (dependentes do Sergas), está recoñecido o dereito á subrogación das 33 persoas que se encargan do servizo coas condicións laborais que tiñan (xornada, antigüidade e horario).
Porén, logo duns meses da adxudicación, Ingesan propuxo unha redución da xornada a través da modificación substancial das condicións de traballo, aplicando as facilidades introducidas pola reforma laboral do PP, e incumprindo deste xeito o prego de condicións. Cristina Martínez Ces, Secretaria Comarcal da CIG-Servizos Ferrol, denuncia que esta redución de horas supón nalgúns casos o 50% da xornada –coa conseguinte rebaixa salarial-.
Na protesta tamén se advertiu que a redución de horas na limpeza pode chegar a causar un problema sanidade público ao non poderse facer o servizo nas condicións adecuadas.
Complicidade do Sergas
A representante sindical criticou que dende o Sergas se consentise esta actuación, xa que a empresa se amparou nun artigo dos pregos que fala da posibilidade de desenvolver un plan funcional, para reorganizar o traballo e a partir de aí xustificar a redución da xornada.
Con esta decisión empresarial, explica Martínez Ces, mestúrase tamén a subrogación voluntaria por parte de Ingesan do persoal que se encarga dos servizos de limpeza de catro centros de saúde, dos que até agora se encargaban os concellos e que o Sergas se comprometera a asumir. Porén, matiza, a subrogación deste persoal tería que realizarse noutra contrata que aínda non se presentou.
Durante o xuízo deste mércores, a empresa propuxo chegar a un acordo; dende a parte social indicaron que o único acordo posíbel pasa pola retirada da redución de horas. A vindeira vista terá lugar en abril, pero dende a central sindical agárdase poder achegar posturas e acadar un acordo satisfactorio.