GADIS continúa os despedimentos disciplinares a persoal de baixa médica

Prosegue a campaña da CIG-Servizos e CCOO en demanda de readmisións na cadea de supermercados
A CIG-Servizos ocupou este venres 21 un establecemento de GADIS en Vigo en resposta á vaga de despedimentos a persoal de baixa médica. A empresa, que recoñece a existencia destas prácticas, está a se valer do descoñecemento e da falta de contacto coas centrais sindicais para rescindir contratos sen indenmización, penalizando situacións de enfermidade causadas pola actividade laboral.
24/2/14.

“A cadea de supermercados GADIS equipara roubar no traballo cunha baixa médica”, explica Marcos Cadórniga, da CIG-Servizos, que alerta que se está utilizar a figura do “despedimento disciplinar” de xeito fraudulento, aplicándoo a situacións de enfermidade “derivadas as máis das veces da actividade laboral”.

Aínda que está a custar detectar os numerosos casos que se están a producir en todo o país, aqueles que son denunciados perante a autoridade laboral consiguen unha indemnización de 45 días por ano traballado por parte da empresa. “É unha situación indefendíbel no SMAC”, acrescenta Cadórniga, que explica que a campaña das centrais persegue disuadir a empresa destas prácticas e lograr readmisións, “non unicamente improcedentes”.

GADIS, que mesmo chegou a recoñecer a aplicación destes métodos ao comité de empresa de Pontevedra, obriga en moitos casos aos traballadores/as a asinar finiquitos e ceses voluntarios que non comportan indemnizacións. “Válense da falta de información do persoal e dificultan o traballo sindical para que non denunciemos destes casos”. Trátase, informan, de traballadores que levan na empresa até 15 anos, con afecións lumbares ou estomacais asociadas ao ámbito laboral, “como persoas que erguen e deitan caixas”.

“Despidamos como galegos”

Desde as centrais, alértase, ademais, do duplo discurso da empresa “que gasta milleiros de euros en tentar ofrecer unha imaxe de compromiso social en campañas mediáticas” mentres á hora da verdade as prácticas anti-obreiras e represivas son moeda habitual cara o seu persoal.

Por todo isto, tanto a CIG como CCOO encetaron unha campaña de denuncia en diferentes establecementos comerciais da empresa en todo o país. Desta coordenación xurdiron mobilizacións na Coruña, que continuarán no mes de febreiro, así como a que tivo lugar este venres 21 en Vigo, durante a cal se ocupou durante uns minutos o interior do local demandando readmisións. “Temos que conseguir que a empresa depoña a súa actitude”, afirman desde a CIG-Servizos.

Novas anteriores.

A campaña de protesta trasládase á provincia de Pontevedra

Concentración na Coruña o 17 de xaneiro