A CIG solicita a retirada dunha docente dun curso na CRTVG por introducir contidos sexistas

Considera que aafirmar que a muller “seduce” máis pola “dozura” ou a “submisión” é contrario aos principios de igualdade
A sección sindical da CIG da CRTVG vén de solicitar a retirada dunha docente que vai impartir un curso de “Linguaxe non verbal para comunicadores” os días 8 e 9 e 22 e 23 de abril. A sección sindical detectou “graves contidos sexistas no enfoque da especialidade que imparte esta docente”, reflectidos na súa web www.teresabaro.com titulada 'Habilidades de comunicación'.
31/3/14.

A CIG da CRTVG sinala que, entre outras afirmacións, esta experta en comunicación persoal mantén que “as mulleres sempre nos sentimos atraídas por homes fortes e valentes, con boa saúde, que nos poidan protexer, e asegurar a supervivencia das nosas crías, ademais de proporcionarnos un determinado estatus social. É una mera cuestión biolóxica, instinto de supervivencia”...

Xunto a isto, Teresa Baró sostén que “para triunfar na diversidade de roles que desempeña,  a muller de hoxe  ten que dominar moitos estilos de comunicación: desde o de profesional eficiente ao de muller sedutora sexualmente”... e sinala que “a muller seduce máis pola dozura, a sensualidade, mesmo ás veces pola submisión”...

Para a sección sindical da CIG da CRTVG afirmacións como as citadas “son contrarias aos principios de igualdade e non discriminación, lesionan gravemente os dereitos e a imaxe da muller”. Considera que coliden cos principios nos que debe inspirarse a actividade de comunicación audiovisual da Corporación RTVG, establecidos na LEI 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que dispón na letra f) do seu artigo 4: “A promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista".

Para Margarida Corral, secretaria da Muller da CIG, este tipo de declaracións “contribúen a afondar na imaxe de muller obxecto permanentemente sexualizada, estereotipada, submisa e aos ditados do patriarcado, cuestións que tanto tempo levamos denunciando e combatendo desde o feminismo entendendo que alimentan a violencia contra as mulleres”.