A CIG insiste en retirar a docente que ensina mulleres a comunicar con estilo de 'sedutora sexualmente'

A Comisión de Formación da CRTVG decidiu mantela e CCOO e a CUT non apoiaron a petición da sección sindical
Na xuntanza da Comisión de Formación celebrada este mércores, a CIG reiterou a súa reclamación de retirar á docente Teresa Baró do curso “Linguaxe non verbal para comunicadores”. A empresa opúxose a esta demanda, que tampouco contou co apoio dos ouros sindicatos presentes na reunión (CUT e CCOO).
02/4/14.

A CIG formulou esta exixencia logo de detectar graves contidos sexistas no enfoque da especialidade que imparte a devandita docente, que quedan á vista na súa web www.teresabaro.com.

Teresa Baró chega a afirmar que “para trunfar na diversidade de roles que desempeña, a muller de hoxe, ten que dominar moitos estilos de comunicación: desde o de profesional eficiente ao de muller sedutora sexualmente”.

A especialista en comunicación persoal repite estereotipos machistas como que “as mulleres sempre nos sentimos atraídas por homes fortes e valentes, con boa saúde, que nos poidan protexer e asegurar a supervivencia das nosas crías, ademais de proporcionarnos un determinado estatus social. É unha mera cuestión biolóxica, instinto de supervivencia”.

Tamén sostén que “a muller seduce máis pola dozura, a sensualidade, e mesmo ás veces pola submisión”. E afirma que “conscientes do poder de atracción do peito, moitos dos xestos de sedución están encamiñados a realzalo ou suxerilo, aínda cando está cuberto pola roupa”, como “apertar os brazos para xuntar os peitos e facer máis marcado o canalillo”.

Ao parecer da CIG, afirmacións como as citadas lesionan gravemente a imaxe e os dereitos da muller e vulneran a Lei de Igualdade e a Lei de prevención da violencia de xénero. Ademais coliden cos principios nos que debe inspirarse a actividade de comunicación audiovisula de Galicia, que na letra f) do seu artigo 4 dispón: “A promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista”.