O persoal de Urbaser Lugo irá a folga indefinida dende o 9 de xuño se non hai acordo para o novo convenio
As medidas de presión, acordadas por unanimidade en asemblea de traballadores/as, responden ás pretensións de Urbaser, empresa que ten a concesión da recollida do lixo e da limpeza urbana de Lugo, de recortar dereitos laborais e económicos recollidos no actual convenio colectivo. Na última reunión, a parte empresarial propuxo un convenio a dous anos (2014-2015) cunhas táboas salariais iguais ás que o persoal tiña no ano 2011; modificación do complemento de antigüidade, polo que se perdería un 15% do mesmo, así como eliminar a actual regulación que permite cobrar a antigüidade dende o 1 de xaneiro do ano no que se cumpre, para pasar a percibila só dende o mes no que se devengue.
Urbaser tamén quere recortar o complemento de IT (actualmente do 100%), así como os conceptos para o seu cálculo, de xeito que só se teñan en conta as retribucións fixas e non as variábeis como o plus de perigosidade ou nocturnidade. Ademais, quere reducir os días de asuntos propios e modificar a xornada laboral de luns a domingo.
“A empresa quere meter a tesoira por todos lados”, denuncia Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, quen engade que “non existen razóns para os recortes sociais e económicos”, nin tampouco motivos para que Urbaser pretenda levar os salarios ás táboas de 2011 “cando o Concello lles está revisando o contrato co IPC real”.
Así as cousas, coa concentración e a ocupación deste venres (na que participou o 90% do persoal), os traballadores e traballadoras queren rexeitar o bloqueo e a dilatación das negociacións por parte da empresa, co obxectivo de que non dera tempo de convocar a folga antes do inicio das festas do Arde Lucus. Porén, apunta Antas, a convocatoria xa está formalizada e “se non hai un acordo antes do día 9, ese luns comezará a folga indefinida”.
Un paro indefinido, subliña, que foi aprobado por unanimidade na asemblea de traballadores/as.