Denuncian fraude na contratación dos dous presentadores do programa da TVG 'Foro Aberto'

CIG, UXT e USO presentaron a denuncia perante a Inspección de Traballo o pasado venres
Os sindicatos CIG, UXT e USO denunciaron o pasado venres, perante a Inspección de Traballo de A Coruña, a Televisión de Galiza por fraude na contratación mercantil de Carlos Luís Rodríguez e Pablo Acción, presentadores do programa de debate 'Foro Aberto', que a canle pública emite nas noites dos luns aos xoves.
09/6/14.

Segundo expoñen na denuncia, a contratación destes presentadores encobre unha relación laboral de natureza ordinaria, que como tal debería prestarse por persoal laboral da TVG. A canle pública dispón de excelentes profesionais que poderían desempeñar as tarefas de presentación e moderación dos debates sobre cuestións de actualidade coas garantías profesionais e éticas que demanda a cidadanía galega.

Precisamente, con estas contratacións a TVG trata de eludir o vínculo realmente laboral, neste caso de empregado público, cuxa actividade debe perseguir a satisfacción dos intereses xerais dos cidadáns e fundamentarse en consideracións obxectivas orientadas cara á imparcialidade e o interese común, á marxe de calquera outro factor que exprese posicións persoais, familiares, corporativas, clientelares ou calquera outra que poida colidir co estes principios, conforme ao disposto no artigo 53 do Estatuto Básico do Empregado Público.

Segundo recollen na denuncia, dáse a circunstancia de que o programa “Foro Aberto” estivo conducido na etapa inmediatamente anterior polo mesmo presentador, Carlos Luís Rodríguez, baixo a modalidade de contratación artística. Esta contratación, denunciada pola CIG en novembro de 2011, foi declarada en fraude de lei pola Inspección de Traballo, razón pola cal a Dirección da TVG optou por celebrar con este profesional un contrato mercantil para mantelo a calquera custo na presentación do programa.

Os sindicatos denunciantes sosteñen que estamos ante supostos de contratación só aparentemente mercantil, que encobren xenuínas relacións laborais, con vulneración do artigo 1 do Estatuto dos Traballadores, e que incorren en infracción grave tipificada no artigo 7.2 da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social.

Aliás, o recurso por parte da TVG a este tipo de contratacións representa un gasto económico inxustificado en momentos de crise e de recortes que están afogando a canle pública, o emprego, os dereitos laborais dos seus traballadores e traballadoras e a calidade do servizo público de radiotelevisión de Galiza.

Indican ademais que as cifras de audiencia do programa son pésimas, cun share no mes de abril do 0,4%.  Audiencia que mesmo é inferior á da media da TVG2, que chega tan só ao 1%.