Urbaser Lugo despide 12 traballadores/as o primeiro día de folga

A totalidade do persoal está a secundar a segunda xornada do paro indefinido
O 100% do cadro de persoal de Urbaser Lugo está a secundar este mércores a segunda xornada de folga indefinida convocada en demanda dun convenio digno, con ánimo e unida, a pesar da drástica medida adoptada pola empresa coincidindo co inicio da folga: despedir a 12 traballadores/as, dous deles membros do Comité, aos que lle abriu expediente disciplinario.
11/6/14.

Inicialmente, a folga estaba convocada para este luns, 9 de xuño, mais o persoal acordou atrasar o seu inicio 23 horas para tentar acadar unha saída negociada ao conflito. Porén, explica Carme Antas, da CIG-Servizos Lugo-A Mariña, “cumpríndose expresamente todas as condicións que se acordaran para ese aprazamento, a empresa solicitou a mediación, e no día de hoxe (polo martes) pretenden impor condicións”, en referencia á esixencia de Urbaser de desconvocar o paro para iniciar a mediación.

A seguinte noticia foi a comunicación dos doce despedimentos, alegando a empresa incumprimento dos servizos mínimos impostos polo Concello de Lugo, que chega ao 100% do servizo, e mesmo facendo alusión a “desobediencias” con anterioridade ao paro. Non obstante,  os traballadores/as xa advertiron que con este tipo de medidas de presión e chantaxes non van conseguir que cesen na súa loita. De feito, segundo denunciou Antas, a empresa xa comezou a utilizar a estes traballadores/as como "moeda de cambio" ao transmitir a súa "dispoñibilidade" para negociar e retirar os despedimentos se se desconvoca a folga.

Antas tamén criticiou as declaracións do Delegado de Urbaser na provincia, que cualificou aos traballadores e traballadoras de ser uns "privilexiados". Afirmación que a sindicalista nega, apuntando que o persoal ten os mesmos salarios que no ano 2011 e a empresa pretende ir a un convenio colectivo no que se recortan boa parte dos dereitos sociais e económicos adquiridos, sen ningún tipo de xustificación. Especialmente, tendo en conta que o Concello revisa  o contrato coa empresa de recollida de lixo en base ao IPC real.

Dende a parte social reiteran a súa disposición a buscar unha saída negociada, mais subliñan que non van someterse á chantaxe da empresa. Do mesmo xeito, lamentan a posición do Concello, que ten decretados uns servizos mínimos do 100% a partir de mañá, vulnerando deste xeito o dereito á folga do persoal.

Ocupación do Concello

Precisamente, o persoal trasladou hoxe as súas protestas até a Casa Consistorial de Lugo, onde realizou unha concentración e ocupou o salón de plenos, coincidindo coa rolda de prensa posterior á Xunta de goberno municipal, para demandar a readmisión dos compañeiros e compañeiras despedias e rexeitar os servizos mínimos impostos que, na práctica, impiden o exercicio do dereito á folga.

Comunicado de apoio

O comité de Urbaser de Santiago de Compostela (que tamén está en plena negociación do convenio) emitiu este mércores un comunicado público en solidariedade cos traballadores e traballadoras de Lugo e de apoio "ás súas xustas reivindicacións". Ademais, criticaron a actitude da empresa e denunciaron as pretensións de Urbaser de "maximizar os seus beneficios a conta de recortar os nosos dereitos como traballadores/as".

 

Galería de imaxes das dúas primeiras xornadas de folga

Video das mobilizacións