Urbaser intensifica as medidas represivas e abre expediente a todo o Comité de Folga

Os/as traballadores/as advirten que recorrerán á Fiscalía se se confirma que o Concello pon a Tragsa a facer a recollida do lixo
A folga indefinida que dende as 00:00 horas da madrugada do luns ao martes se está desenvolvendo na recollida de lixo e limpeza urbana de Lugo semella que vai ter un longo recorrido logo das últimas medida represivas adoptadas pola empresa Urbaser, que acordou abrir expediente a todo o Comité de Folga, unha medida de presión que se vén sumar ao despedimento de 12 traballadores/as.
13/6/14.

“A folga está sendo secundada polo 100% do persoal e se a empresa pensa que con este tipo de medidas vai dividir os traballadores e traballadoras está moi equivocada”, aseverou Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, en referencia ás agresivas medidas tomadas por Urbaser, no que vén sendo xa a súa política habitual de chantaxe á hora de afrontar a negociación colectiva.

A representante sindical adiantou que esta tarde os traballadores e as traballadoras van recorrer o centro da cidade xa que, segundo as informacións aparecidas na prensa, o Concello está negociando con Tragsa para que esta empresa se ocupe da limpeza e recollida do lixo. “De confirmarse que Tragsa vén recoller o lixo, imos presentar denuncia diante da Fiscalía por vulneración do dereito á folga”, advertiu Antas.

A este respecto criticou os abusivos servizos mínimos decretados polo Concello de Lugo, que acadan o 100% da actividade, vulnerando deste xeito o dereito á folga . A parte social xa recorreu o decreto e “temos a convicción de que van ser anulados”.

Así mesmo, Carme Antas denunciou a actitude antidialogante e a escasa vontade negociadora de Urbaser, xa que a empresa nin sequera tomou en consideración a proposta de servizos mínimos presentada polo Comité de folga, que garante a saída dun camión e dous peóns para facer a recollida do lixo nos servizos que realmente son esenciais.

Pola contra, Urbaser pretende encarar as negociacións con esixencias e condicionantes, polo que todo fai indicar que o conflito se prolongará no tempo.

Esta mesma tarde haberá rolda de prensa do Comité para avaliar a marcha do conflito.

Galería de imaxes

Video

Urbaser, exemplarizante no recorte de dereitos

Sobre este conflito tamén foi preguntado este venres o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, na rolda de prensa conxunta para anunciar as mobilizacións contra a represión sindical. En concreto, a prensa interesouse pola preocupación que hai en Lugo pola celebración do Arde Lucus coincidindo coa folga de lixo e sobre a necesidade de que se retire. 

Ao que Seixo contestou que “as centrais sindicais e as traballadoras e traballadores temos que facer as folgas no momento no que teñamos máis capacidade de presión. Iso é o intelixente. Agora, se aínda por riba a administración recorre a impor servizos mínimos totalmente abusivos que o que fan é invalidar o exercicio do dereito fundamental á folga, algún mecanismo temos que utilizar para defendernos e máis diante dunha empresa como Urbaser, coa que temos moita experiencia, porque ten como costume, cando se convoca unha folga, comezar por despedir aos traballadores/as, porque despois, en vez de facer a folga polo convenio colectivo é unha folga para intentar que se readmita ás traballadoras e traballadores despedidos”.

A isto, o Secretario Xeral da CIG engadiu que en Urbaser “son mi hábiles niso. Véselles o plumeiro, pero estamos acostumados a este tipo de empresas, que veñen cuns criterios moi duros á hora de impor a reforma laboral e á hora de intentar rebaixar as condicións laborais e queren ser moi exemplarizantes niso”. 

“Pois, concluíu, ante iso o que nos toca é defendernos; e pola información que eu teño estase actuando ben, nese sentido. Hai asembleas de traballadores/as que son quen están marcando a dinámica do que hai que facer e do que non".