Comité de Urbaser denuncia na Fiscalía vulneración do dereito á folga logo de que Tragsa recollese o lixo

Este luns cúmprese unha semana do inicio do paro indefinido
A piques de cumprirse unha semana de folga, as traballadoras e os traballadores de Urbaser Lugo concentrábanse esta mañá diante da Audiencia Provincial, coincidindo coa presentación da denuncia na Fiscalía por vulneración do dereito á folga, logo de que persoal de Tragsa (empresa contratada polo Concello) estivera realizando recollida de lixo durante a fin de semana.
16/6/14.

Na denuncia presentada á Fiscalía lémbrase que o Comité de folga remitiu un escrito ao Concello, á Consellaría de Sanidade e á empresa manifestando a disposición a saír a recoller o lixo naqueles puntos marcados en risco sanitario pola Inspección. Un ofrecemento que non foi atendido polo Concello, que ditou o decreto de declaración emerxencia sen o aval da Inspección Sanitaria.

Por se non fose abondo con contratar os servizos doutra empresa para realizar as tarefas propias do persoal en folga, tal e como se apunta na denuncia, tamén a Policía Local e os/as bombeiros/as estiveron realizando o domingo labores de recollida, lavado e limpeza polo centro da cidade. e mesmo dende o Goberno municipal se permitiu a particulares retirar lixo e trasladalo á localidades limítrofes, incumprindo así a normativa de residuos sólidos urbanos. 

Á vista da situación, o Comité acudiu hoxe a Fiscalía para que abra investigación destes feitos, co obxectivo de que se garanta a tutela xudicial efectiva pola violación de dereitos fundamentais, neste caso do dereito á folga.

Atropelo a unha delegada

O diálogo coa dirección da empresa está roto e o Comité xa advertiu que non sentará a falar mentres continúe na mesa negociadora o Delegado de Urbaser, ao que acusan de atropelar intencionadamente a unha delegada de UGT nun paso de peóns. A traballadora tivo que ser trasladada en ambulancia ao hospital e ten contusións e hematomas. 

Unha acción, subliña Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, que “nunca vin en todos os meus anos de traballo sindical. É a primeira vez que teño noticia que un xerente dunha empresa se leva por diante co coche a unha traballadora”, denuncia.  

Antas destacou que, a pesar do esforzo que supón, o 100% dos traballadores e das traballadoras de Urbaser está secundando a folga e ten o ánimo para seguir adiante até acadar un convenio digno, loita á que agora tamén se suma á demanda de readmisión dos/as compañeiros/as despedidos/as.

Así as cousas, mañá, ás 11:30 horas, o persoal regresará coas protestas novamente até o Concello,  onde tamén ofrecerá unha rolda de prensa para anunciar as accións que se van desenvolver ao longo desta semana.

Galería de imaxes das mobilizacións da fin de semana e a concentración deste luns