Urbaser readmite persoal despedido ao incluílos/as na recollida do lixo nas zonas declaradas en risco

O Goberno municipal de Lugo nega a entrada ao Concello aos secretarios comarcais da CIG e UGT
Logo de oito días de folga e tras chegarse a unha situación caótica, o Concello de Lugo aceptaba esta tarde o ofrecemento dos traballadores e traballadoras de Urbaser para facer a recollida do lixo nas zonas marcada como de risco sanitario; unha proposta que o persoal vén facendo á empresa dende o inicio do paro indefinido. Co dispositivo xa preparado, a dirección de Urbaser impedía durante dúas horas a saída dos camións, ao non querer incluír no listado de efectivos aos/as despedidos/as; condición que o persoal non estaba disposta a asumir. Finalmente, por volta das 20:00 horas, Urbaser daba vía libre á saída do continxente de traballadores/as, entre os que se contaban tamén os doce despedidos/as.
18/6/14.

Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, explicaba que nada máis coñecer o requirimento emitido esta mañá polo Concello a Urbaser para proceder á recollida do lixo en 40 puntos considerados en risco sanitario, o Comité de Folga remitiu un escrito ao Goberno municipal, á empresa, á Subdelegación do Goberno e á Sanidade ofrecéndose a totalidade do cadro de persoal para asumir directamente a resolución da situación de emerxencia.

Un ofrecemento que, pouco despois, o Concello aceptaba e que, lembra Antas, xa fora trasladado en reiteradas ocasións á dirección da empresa e comunicado por escrito polo Comité de Folga a todas as partes, aínda que non foi até hoxe que se tomou en consideración.

Con esta premisa e despois de aprobar a medida por unanimidade en asemblea, os traballadores e as traballadoras preparáronse para realizar a recollida do lixo nos puntos marcados, e cal foi a súa sorpresa cando, no último momento, a dirección da empresa impediu a saída dos camións. “O persoal está vestido e en disposición, pero a empresa non os deixa saír”, criticaba Antas, quen apuntaba que a compañía non deixaba arrancar os efectivos porque nel participaba a totalidade do persoal.

Neste senso, ironizaba co feito de que Urbaser teña presentado conflito colectivo para declarar a folga ilegal, “cando é a propia empresa a que non deixa saír a traballar”. Non obstante, o conxunto dos traballadores/as tiña moi claro que non ía ceder á chantaxe da dirección e mantívose firme na súa reivindicación de que tiña que ser o conxunto do persoal o que fixera as tarefas de recollida, e iso incluía aos despedidos/as. Finalmente, a empresa, a iso das oito da tarde, permitiu a saída dos camións e dos/as empregados/as, entre os que estaban os/as doce despedidos/as, dando así por reincorporados/as a estes/as traballadores/as.

Impiden a entrada ao Concello aos secretarios comarcais da CIG e UGT

Por outro lado, o Goberno municipal de Lugo negou esta mañá a entrada á Casa do Concello aos secretarios Comarcais da CIG e de UGT, que pretendían manter unha reunión co rexedor municipal para trasladar a proposta sobre a resolución do conflito da folga do lixo.

“Cal foi a nosa sorpresa cando nos atopamos que, por parte do alcalde, se dera a orde de impedir a entrada a dous representantes da CIG e da UGT que só querían trasladar a postura dos traballadores e as traballadoras. Pero atopámonos coa barreira de policía local que teñen orde expresa de impedir a entrada a calquera persoa relacionada co conflito”, explicaba Antonio Niño ás portas do Concello.

O Secretario Comarcal da CIG Lugo-A Mariña entende que esta actitude revela a “verdadeira faciana antidemocrática e totalitaria que ten o noso alcalde, cada vez máis pechado entre as paredes do Concello”,

Previamente, as traballadoras e os traballadores levaron as súas protestas até as portas dos xulgados para arroupar á compañeira e responsábel sindical de UGT, Araceli Núñez, no momento de presentar demanda contra o delegado de Urbaser en Lugo, que a pasada fin de semana a atropelou nun paso de peóns.

Manifestación cidadá este xoves, ás 20 horas

O Comité de Urbaser Lugo e as centrais sindicais fan unha chamada á toda a cidadanía de Lugo a participar este xoves, día 19 de xuño, na manifestación que sairá ás 20:00 horas dende os locais sindicais en solidariedade coa loita que os traballadores e as traballadoras están a levar a cabo en defensa das súas condicións laborais e salariais.

A este respecto, Antonio Niño, destacou a loita dos traballadores e traballadoras de Urbaser contra as pretensións da empresa (do grupo ACS, propiedade de Florentino Pérez) de rebaixar os salarios e recortar os dereitos laborais “cando está mantendo as condicións do contrato co Concello”, que revisa a contrata en base ao IPC.

“Este conflito, advertiu, pon de manifesto o novo obxectivo da patronal: impedir o dereito á folga, que é un dereito fundamental da clase traballadora. E ademais, neste caso, a empresa conta coa colaboración do Concello”, criticou.

Niño denunciou a actitude de coaccións e ameazas por parte de Urbaser -que ten a concesión da recollida de lixo-, “que comezou despedindo a 12 traballadores/as e logo abriu expediente contraditorio ao Comité de Folga”.

Por se non fose abondo, a isto hai que engadir a vulneración do dereito á folga por parte do Concello, “que impuxo un decreto de servizos mínimos abusivo do 100% e contratou logo a unha empresa para substituír ao persoal en folga”, en referencia ás tarefas de recollida e limpeza que realizaron os/as operarios/as de Tragsa e cuxa actuación xa foi denunciada polo Comité diante da Fiscalía. “O alcalde de Lugo é un esquirol, e iso querémolo denunciar claramente porque se está vulnerando o dereito á folga dende o Concello”, aseverou.

Fronte a este boicot, Niño tamén asegurou que a firmeza do cadro de persoal na defensa dun convenio colectivo que recolla “unhas melloras que son xustas e a prol da readmisión dos/as despedidos/as, vai provocar que ao final haxa unha saída favorábel aos intereses dos traballadores/as”.

Por iso mesmo, lanzou un chamamento á cidadanía para que apoie este conflito, xa que representa a loita da clase obreira fronte aos abusos da patronal, que se aproveita da situación de crise e das facilidades normativas introducidas polo PP para recortar dereitos e incrementar beneficios.

“Temos que estar orgullosos/as deste conflito. Os traballadores e as traballadoras temos dereito a manter as nosas condicións laborais e salariais. Xa está ben de recortes, de submisión, e xa está ben de que os traballadores e as traballadoras paguemos as consecuencias da crise mentres as empresas se seguen a lucrar”, afirmou Niño.

Neste senso, o representante sindical reclamou do Concello de Lugo que rescate a concesión e “municipalice o servizo de recollida do lixo se quere acadar unha saída digna ao conflito”.