Centos de persoas manifestáronse en Lugo en apoio á loita dos traballadores e traballadoras de Urbaser

O persoal fai un chamamento á responsabilidade da empresa para que sente a negociar e pide ao Concello o rescate da concesión
Centos de persoas, entre traballadores/as de Urbaser, familiares e sindicalistas que se achegaron dende todos os puntos de Galiza para arroupar ao persoal, marchaban na tarde de onte polas rúas de Lugo en defensa dun dereito fundamental da clase traballadora como é o dereito á negociación colectiva, e polo tanto, a ter unhas condicións laborais e salariais dignas, mais tamén para reivindicar o dereito á folga, que no conflito que se está a vivir en Urbaser Lugo está a ser vulnerado dende a propia administración local.
20/6/14.

Ao remate da manifestación diante da Casa do Concello, Carme Antas da CIG-Servizos de Lugo, valora dun xeito moi positivo a participación na mobilización en apoio á folga que o persoal de Urbaser vén desenvolvendo dende hai dez días. “A súa loita, nos termos en que se está producindo, é un exemplo para a clase traballadora, e especialmente para cidade de Lugo, por canto está o 100% do cadro de persoal secundando a folga”, destacou Antas.

Así mesmo, considera que se ten avanzado na resolución do conflito, dende o momento no que o Concello fixo un requirimento o pasado mércores á empresa para resolver a situación de alerta sanitaria na cidade. “Por fin foi aceptado o ofrecemento do Comité de Folga, proposto dende o primeiro día e polo que o propio persoal de Urbaser se responsabilizaba de cubrir esa situación; e, á par, conseguimos a readmisión dos/as traballadores/as despedidos/as”, lembrou.

Por iso, Antas fixo un chamamento á dirección de Urbaser para que acepte sentar a negociar de unha vez. “Non se pode entender que teña a cidade de Lugo dende o luns pasado na situación na que está e siga negándose a negociar”, lamentou. En calquera caso, a sindicalista da CIG lembrou que se en cinco días, a contar dende o mércores, a empresa non resolver o conflito do lixo, o Concello xa advertiu que procederá á rescisión do contrato. Un rescate da concesión que tamén demandou o Secretario Comarcal da CIG Lugo-A Mariña, Antonio Niño, quen denunciou os incumprimentos de Urbaser co servizo.

Incrementar os beneficios empresariais a conta da precarización laboral

Durante a súa intervención no remate da manifestación, o Secretario Federal da CIG-Servizos, Paulo Rubido, denunciou que o conflito que se vive en Lugo hai que enmarcalo na ofensiva emprendida polo poder económico para incrementar os beneficios a conta de empobrecer á maioría social. “Para iso, deterioraron a normativa laboral e todos os dereitos que tiñamos e podiamos manter en convenio colectivo”, aseverou, apuntando tamén ao endurecemento normativo contra calquera tipo de resposta social (en referencia á futura reforma do código penal e á lei de seguridade cidadá).

“O día que un centro de traballo como este perde o marco de relacións laborais, podedes ter ben claro que toda a clase traballadora e toda a sociedade perde. Defender os/as traballadores/as de Lugo na súa loita é defender ao conxunto da clase traballadora”, asegurou.

Rubido Bará denunciou que o argumentario empresarial segue sempre a mesma pauta: escúsanse en na falta de cartos mentres dende as administracións públicas se demanda a rebaixa do custe das contratas. “Ese recorte sempre se fai no mesmo sitio: nos salarios do persoal e nas condicións laborais. E mentres fan isto, os propietarios das grandes empresas ás que lles adxudican estes servizos de xeito fraudulento gozan no palco do Bernabeu de excelentes calidades e condición de vida”, criticou. 

Vulneración da folga dende a administración

Pola súa banda, Antonio Niño subliñou a loita e a unidade dos traballadores/as do servizo de recollida de lixo e as dificultades coas que se atopan polas coaccións por parte da empresa primeiro coa coa comunicación de 12 despedimentos e logo coa apertura do expediente disciplinario a todo o Comité de Folga. “Como traballadores temos que resistir o embate, demostrar que na organización está a nosa forza, e como dar unha lección a esta empresa que serva de exemplo para outros conflitos”, aseverou.

Xunto a isto, denunciou a “colaboración do goberno municipal de Lugo, que actuou como un esquirol, publicando un decreto dos servizos mínimos do 100%, despois contratando a Tragsa e mesmo impedindo o acceso ao Concello aos representantes das centrais sindicais” para solicitar unha entrevista e coñecer os acordos da última xunta de goberno no que ten a ver co persoal de Urbaser.

Urbaser á vangarda da aplicación da reforma laboral

Sobre a transcendencia deste conflito tamén se pronunciou o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, apuntando a que o conflito de Urbaser Lugo é un “claro exemplo da utilidade da reforma laboral para as empresas, que non é precisamente para crear emprego”.

A patronal, continuou Seixo, presionou ao Partido Popular para que aprobase unha contrarreforma laboral co único obxectivo de precarizar as condicións laborais e reducir os salarios da clase traballadora. Dúas cuestións nas que Urbaser “está a vangarda á hora de aplicar á reforma laboral. E se ademais conta coa colaboración do Concello, pois resúltalle moito máis eficaz”.

Fronte a isto, o Secretario Xeral da CIG destacou que a clase traballadora ten que manterse na loita e na unidade, e neste senso, valorou a resposta que están a dar as traballadoras e os traballadores de Urbaser Lugo. “E ese é o camiño que hai que seguir: a presión, a mobilización e a folga”, sentenciou.

Galería de imaxes

Video