Concentración no Concello de Narón esixindo a readmisión dunha traballadora despedida por SAMYL

A empresa ten adxudicada a limpeza de interiores de edificios municipais
A CIG-Servizos realizou unha concentración este xoves diante do Concello de Narón co obxecto de reclamar da administración local que interveña para esixir a readmisión dunha traballadora despedida pola empresa SAMYL –que ten a concesión da limpeza de interiores dos edificios municipais-.
05/9/14.

Esta é a segunda protesta que a CIG-Servizos desenvolve diante do Concello de Narón por este motivo, logo de que o pasado 12 de xuño ducias de delegados/as se concentraran diante da Casa Consistorial. Porén, dende aquela non se teñen producido avances e o próximo luns terá lugar o xuízo polo despedimento.

O co-responsábel comarcal da CIG de Ferrol, Xesús López Pintos, valorou a presenza do voceiro do BNG na protesta, mais lamentou o desinterese do resto dos grupos da Corporación local, especialmente do alcalde, “que ten unha actitude moi escapista” neste conflito.

Neste senso, hai que lembrar que SAMYL despediu á empregada hai uns meses, alegando que non tiña carga de traballo para ela. A traballadora afectada, explica Pintos, levaba dende 2010 desenvolvendo a súa actividade como limpadora en dous colexios de Narón e foi subrogada por SAMYL cando accedeu a concesión do servizo.

Porén, tan só dous meses despois, a empresa trasladou a traballadora a un colexio de San Sadurniño e seis meses máis tarde comunicoulle o despedimento, alegando que non tiña carga de traballo suficiente.

Dende a CIG de Ferrol agárdase que a empresa recapacite na súa decisión e opte pola readmisión da traballadora, especialmente tendo en conta que segue vacante a praza nos centros de Narón que ela limpaba.