A sección sindical da CIG en Gadis considera inaceptábel que Tojeiro sexa “Gallego del año”

Denuncia que incumpre a lexislación laboral e mesmo atenta contra a liberdade sindical
O Grupo Correo Gallego celebraba este xoves o acto de entrega dos premios “Gallegos del Año”. A sección sindical da CIG en Mercartabria (Supermercados Gadis) considera que a distinción do empresario Roberto Tojeiro como un dos premiados é “inxustificábel” dada a súa actitude antisindical e lesiva coas traballadoras e traballadores.
24/10/14.

A sección sindical da CIG en Supermercados Gadis denuncia que mentras Roberto Tojeiro recibe o premio de galego do ano, a súa empresa despide de forma disciplinaria a traballadoras/es que teñen problemas de saúde ou simplemente porque as seccións do supermercado nas que desempeñan as súas funcións diminúen as ventas.

Denuncia ademais que as e os traballadores sofren acoso por exerceren o dereito a reducir a súa xornada para o coidado de fillas e fillos ou por exixir que se cumpran os dereitos que por lei lles pertencen e mesmo atenta contra a liberdade sindical.

Ante isto, a sección sindical pregúntase cal é o criterio para conceder estes premios, pois entende que a quen se debería entregar é a aqueles/as empresarios/as que velan polo cumprimento da lexislación laboral nas súas empresas e respectan a todas/os as/os súas/seus traballadores/as.