O persoal de REGAKI obrigado a "celebrar" o Día das Persoas con Discapacidade cun ERE extintivo

Conmemórase cada ano o 3 de decembro
Os traballadores e traballadoras da Rede Galega de Kioskos (REGAKI) denuncian este 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a difícil situación laboral na que se atopan, logo de que a empresa solicitara concurso de acredores e un ERE extintivo que, de aplicarse, suporá o peche de todos os quioscos de Galiza e deixará na rúa, sen indemnizacións, a 95 traballadores/as.
03/12/14.

REGAKI é un Centro Especial de Emprego xurdido no ano 2005 co obxectivo de promover a empregabilidade de traballadores/as con discapacidade, o que lle permitiu obter abondosas subvencións da Xunta de Galiza e todo tipo de beneficios fiscais a través da contratación destas traballadoras/es ao longo destes anos.

Para o cadro de persoal efectivamente supuxo contar cun emprego, pero os seus ingresos, que levan catro anos conxelados, non superan o Salario Mínimo Interprofesional, isto é 645,30€ de salario bruto que queda en pouco máis de 617€ netos ao mes.

O pasado mes de maio de 2013, REGAKI presentou un Plan de Viabilidade para o mantemento dos centros sociais de emprego e dos postos de traballo vinculados a estes polo que recibiu aproximadamente 1.200.000 euros en concepto de subvención da consellaría de Traballo e Benestar.

Porén, a empresa alega que malia os cartos percibidos ten perdas, polo que solicitou concurso concurso de acredores e un ERE extintivo para todo o persoal.

Con motivo da conmemoración deste 3 de Decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, Sonia Puente, en representación do colectivo de traballadoras e traballadores de REGAKI, escribe unha carta na que explica a súa situación e na que reivindica “menos recortes, máis adaptación dos postos de traballo e un soldo digno”.

A seguir reproducimos o escrito de Sonia Puente:

Hai 15 anos que me diagnosticaron unha enfermidade incurábel e coa que tería que vivir o resto da miña vida. Aí comezou todo!

Había días horríbeis pero pouco a pouco fun dominando o problema. Tería que vivir coas miñas dificultades en todos os sentidos, no traballo, cos amigos, a parella…

O primeiro era buscar un traballo, algo realmente difícil. Díganme vostedes quen quere contratar a un/ha discapacitado/a? Por casualidade, cando xa cría que tería que emigrar, chamáronme dun Centro Especial de Emprego dos que din que nos axudan a integrarnos. Entrei nun kiosko e durante os primeiros anos foi perfecto. Crin neles e esforceime para conseguir o posto.

Pero hoxe, logo de 14 anos e dous meses estamos nun ERE. Souben que terían subvencións e descontos por nós e eu pregunto, como se pode chegar a isto?

A conclusión é que recortando non nos axudan nada. A realidade é que miles de discapacitados/as estámolo pasando verdadeiramente mal. Algúns con dependentes o seu cargo. O único que verdadeiramente somos é man de obra barata.

Pedimos menos recortes; máis adaptación dos postos de traballo e un soldo digno. Non queremos dar pena. Somos, nas nosas limitacións, persoas que queren ser útiles. E capacitadas, pois temos que traballar igual que os/as demais.

Que o Día de hoxe sirva para dicir basta xa de abusos! E de aproveitarse da nosa situación.

Sonia Puente.