CIG-Servizos exixe a readmisión do delegado despedido do Leroy Merlín de Santiago

15-01-02_leroy_meriln_003.jpg
Leroy Merlín despedía, o pasado mes de decembro, a un delegado da sección sindical da CIG que foi -até hai un ano- membro do comité de empresa. A CIG-Servizos denuncia que se trata dun caso de represión sindical e que este non é o primeiro que se dá por parte da dirección da empresa. Por iso demanda a súa readmisión e asegura que continuará coas mobilizacións mentres non recupere o seu posto de traballo.
09/1/15.

O despedimento deste delegado prodúcese, segundo denuncia a CIG-Servizos, logo de terse producido varios casos de represión por parte da dirección da empresa contra a sección sindical da CIG. Unha represión que desde a central sindical considérase que é consecuencia das demandas presentadas por modificacións de horarios e denuncias perante a Inspección de Traballo por vulneración de liberdade sindical.

Aitor Sebio, da CIG-Servizos de Compostela, sinala ademais que casualmente este traballador despedido foi, até hai un ano, membro do comité de empresa e Leroy Merlin agardou a que transcorrera o tempo legal de protección dos membros do comité (1 ano) para proceder ao seu despedimento que a empresa realiza como disciplinario recoñecendo a súa improcedencia.

Sebio lembra que nas últimas eleccións sindicais Leroy Merlin tratou de incidir nas mesmas para que non existise candidatura da CIG, tal e como quedou probado no laudo arbitral en materia electoral e posteriormente na sentenza xudicial que o ratificou.

Con esta primeira mobilización, a CIG arrincou o ano 2015 en demanda da súa readmisión no posto de traballo. Unha mobilización á que seguirán outras mentres non se consiga este obxectivo e o cese da represión.