Desaloxan o persoal de REGAKI-COGAMI que ocupaba as dependencias de GES

Ramón Sestayo, vicepresidente de COGAMI e conselleiro delegado de GES: “Me sudan los cojones si estáis sin cobrar”
Traballadores/as de REGAKI-COGAMI, co apoio de representantes da CIG-Servizos pechábanse contra as 12:00 horas nas dependencias de Galega de Economía Social para exixir o pago dos seus salarios e que se manteñan os postos de traballo. Alí mesmo, antes de ser desaloxados pola policía, puideron falar co vicepresidente de COGAMI e conselleiro delegado de GES, Ramón Sestayo, que respondeu ás demandas cun “Me sudan los cojones si estáis sin cobrar”, denuncia Carminha Naveiro.
15/1/15.

“Como pode, o directivo dunha empresa de economía social que ten como fin favorecer a integración de persoas con discapacidade, contestar deste xeito a un colectivo especialmente sensíbel, que padeceu durante todos estes anos unha enorme precariedade laboral, cobrando arredor de 600€, e grazas aos que obtiveron subvencións millonarias da Xunta de Galiza”, manifestaba visibelmente indignada Carminha Naveiro, membro da Executiva da CIG-Servizos, tras do desaloxo de GES.

Para Naveiro, máis alá dunha falta de respecto e dun insulto, o “Me suda los cojones si estáis sin cobrar” do vicepresidente de COGAMI é unha mostra da “indecencia” da dirección desta empresa e da “absoluta falta de sensibilidade” cara todo o colectivo de traballadores/as que leva desde o mes de novembro sen cobrar e que xa non poden pagar nin as facturas nin os medicamentos, para moitos/as esenciais ao padecer enfermidades crónicas. Iso alén do risco que corren de quedar na rúa se finalmente o ERE extintivo proposto por REGAKI vai adiante.

E esas foron precisamente as razóns que levaron a traballadoras e traballadores e representantes da CIG-Servizos a ocupar as dependencias de GES. Por iso, durante a ocupación da sede da empresa corearon “Onde están os nosos salarios” ou “Millóns de subvencións e nós sen salarios e sen medicacións”.

Pero desde GES apresuráronse a rematar coa protesta e en menos de media hora a policía xa estaba nas dependencias da empresa para proceder ao seu desaloxo, malia o que aínda continuaron concentrados/as durante uns 15 minutos no exterior do edificio exixindo unha resposta, exixindo os seus salarios e exixindo que se manteñan os seus postos de traballo que son, ao fin, o seu único medio de vida.

REGAKI é un Centro Especial de Emprego xurdido tras da fusión de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), COGAKI (Cogami galega de Kioscos) e KIMICO (Kioscos Minusválidos Coruñeses), no ano 2005 co obxectivo de promover a empregabilidade de traballadores/as con discapacidade.

A empresa forma parte de Galega de Economía Social, que é a matriz e que se define tamén como centro especial de emprego “sen ánimo de lucro” coa misión de favorecer a “creación de emprego de calidade con persoas con discapacidade coa fin de conseguir a súa total integración e normalización na sociedade”.

Concurso de acredores e ERE

A principios do mes de novembro as 95 traballadoras e traballadores de REGAKI (Rede Galega de Kioscos) recibiron con sorpresa a noticia de que a empresa presentaba concurso de acredores e solicitaba un ERE extintivo para todo o persoal co peche de todos os quioscos de Galiza.

Desde ese momento recibían orde de devolver todas as publicacións e non recoller ningún material novo. A empresa foi ademais cortando o subministro eléctrico de moitos destes pequenos establecementos e deixou de pagar os salarios. Malia iso, o persoal acode diariamente aos seus postos de traballo.

O pasado luns, en xuntanza co administrador concursal, representantes das traballadoras e traballadores daban conta da desesperada situación económica do persoal, que carece de medios para pagar sequera as medicinas. Malia isto recibían con sorpresa a noticia de que a empresa ten liquidez, pero que non paga porque, segundo denunciou Naveiro -que participa nestas reunión como asesora-, o propio administrador considera que os cartos deben reservarse para pagar posíbeis facturas.

Porén, coa resposta recibida este xoves de boca do propio vicepresidente de COGAMI “é evidente que non pagan porque se la suda”, conclúe Carminha Naveiro, quen se pregunta se a falta de resposta da Xunta de Galiza obedece ás mesmas razóns.

Esta tarde, ás 18:00 horas, tal e como tiñan previsto, volverán concentrarse diante de GES (Costa Vella-Rúa República Checa), en Compostela.