REGAKI adebeda a traballadores/as os meses de xaneiro, decembro e a paga extra

Teñen previsto convocar mobilizacións para a vindeira semana con concentracións diante da consellaría de Traballo
O persoal de REGAKI acode diariamente os seus postos de traballo nos quioscos que a entidade ten repartidos por toda Galiza. Moitos deles/as soportan a súa xornada laboral sen electricidade, isto é, sen luz nin a posibilidade de acender un mísero calefactor. Tampouco teñen nada que vender porque a empresa deu orde, alá polo mes de novembro, de devolver toda a mercancía. E isto o fan sen cobrar sequera os apenas 600€ de salario, porque a empresa adebeda, a esta altura, os meses de xaneiro, decembro e a paga extra.
05/2/15.

Ante esta situación, Carmiña Naveiro, da CIG-Servizos denuncia a actitude da empresa. Sinala que hai cartos nos quioscos e reclama de REGAKI que os recollan, por poucos que sexan, e os repartan entre as e os traballadores “para que poidan subsistir, aínda que sexa malamente”.

De momento están á espera de que as/os cite a xuíza, antes de que saia a sentenza polo ERE extintivo presentado pola empresa, logo de que as negociacións remataran sen acordo e tampouco teñen noticia algunha do concurso de acredores.

Silencio da consellaría

Naveiro denuncia tamén a absoluta insensibilidade da Xunta de Galiza e nomeadamente da consellaría de Traballo e Benestar neste asunto. De feito, sinala que teñen solicitada novamente unha entrevista coa propia conselleira, Beatriz Mato, que “segue eludindo a súa responsabilidade”, malia as abondosas subvencións concedidas á empresa.

Por iso, para a semana que vén, teñen previsto desenvolver novas mobilizacións diante da consellaría de Traballo que anunciarán nos vindeiros días.

 

Noticias anteriores do conflito:

REGAKI pretende pechar todos os quioscos de Galiza e despedir a todo o persoal

REGAKI solicitou concurso de acredores e un ERE extintivo que deixaría a 95 traballadores/as na rúa sen acreditar perdas

O persoal de REGAKI vese obrigado a "celebrar" o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cun ERE extintivo

Traballadores/as de REGAKI pasan o Nadal sen luz, auga e medicamentos tras 2 meses sen cobrar desta empresa "sen ánimo de lucro"

REGAKI-COGAMI non pagan os salarios do persoal malia saber que poñen en risco a súa saúde

Desaloxan o persoal de REGAKI-COGAMI e compañeiros/as de CIG-Servizos que ocupaban as dependencias de GES

CIG-Servizos denuncia que a actual situación de REGAKI foi provocada pola propia empresa para xustificar despedimentos gratuítos

Desaloxan ao persoal de REGAKI pechado na sede de COGAMI, onde tiñan previsto permanecer até que lles pagaran os salarios