A desidia de COGAMI, da consellaría de Traballo e Benestar e da Xunta aboca á pobreza a 95 familias

Volverán saír á rúa este xoves, ás 17:30 horas, cunha concentración diante do quiosco da Alameda
As traballadoras e traballadores de REGAKI seguen sen cobrar os seus salarios e a esta altura adebédanselles os salarios de decembro, xaneiro e febreiro e a extra de Nadal de 2014. Malia isto, nin Anxo Queiruga, de COGAMI, nin a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, responderon á súa solicitude de xuntanza. Por iso a CIG-Servizos denuncia “a súa total falta de interese pola situación que padecen estas traballadoras e traballadores” e anuncia que volverán saír á rúa este xoves, ás 17:30 horas, cunha concentración diante do quiosco da Alameda.
04/3/15.

Carminha Naveiro, da Executiva da CIG-Servizos denuncia que a situación na que se atopan moitos destes traballadores e traballadoras é “dramática” . “Moitos/as xa no están tomando as súas medicacións ou adebedan facturas nas farmacias e non teñen nin para comer”, asegura. Por iso reclama que , de inmediato a empresa pague e que a Xunta asuma a súa responsabilidade neste conflito.

Naveiro sinala que tampouco se sabe nada aínda nin do concurso de acredores, nin do ERE extintivo que afecta a todo o persoal e que suporía o peche de todos os quioscos.

Porén, e a pesar desta grave situación, a maioría do persoal segue indo a traballar sen subministro eléctrico, sen mercadorías e sen salario, para seguir defendendo os seus postos de traballo.

A representante da CIG-Servizos lembra que REGAKI é un Centro Especial de Emprego xurdido tras da fusión de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), COGAKI (Cogami galega de Kioscos) e KIMICO (Kioscos Minusválidos Coruñeses), no ano 2005 co obxectivo de promover a empregabilidade de traballadores/as con discapacidade.

A empresa forma parte de Galega de Economía Social, que é a matriz e que se define tamén como centro especial de emprego “sen ánimo de lucro” coa misión de favorecer a “creación de emprego de calidade con persoas con discapacidade coa fin de conseguir a súa total integración e normalización na sociedade”.

Por iso considera que “é insultante e inadmisíbel” que a empresas como esta a Xunta de Galiza lles permita cobrar subvencións millonarias para integración social e laboral e que logo eluda as súas responsabilidades sen pronunciarse sequera ao respecto. “Isto co agravante de non ter feito en ningún momento un seguimento de para que estaban a ser utilizados os cartos públicos que lles estaban concedendo”.

Naveiro denuncia ademais a hipocrisía do goberno do PP que, mentres alardea dunha suposta melloría económica e da creación de emprego, desenténdese de 95 familias que só teñen, a maioría, como único ingreso ese salario.