Traballadores/as de REGAKI ocupan de novo as dependencias de COGAMI en demanda dos salarios

Foron desaloxados/as pola policía contra as 19:00 horas
Traballadores/as de REGAKI pecháronse na tarde deste xoves na sede de COGAMI, en Compostela, para exixir que se lles abonen os salarios impagados dos meses de decembro, xaneiro, febreiro e a paga extra de Nadal. O peche rematou contra as sete da tarde, hora á que foron desaloxados/as pola policía. No decurso da mobilización denunciaron ademais que aínda non tiveron resposta nin da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, nin do vicepresidente de COGAMI e conselleiro delegado de GES, Ramón Sestayo, malia ser coñecedores da súa cada vez máis insostíbel situación.
13/3/15.

Carmiña Naveiro, da CIG-Servizos, explica que segue sen haber resolución xudicial nin a respecto do ERE nin do concurso de acredores e subliña que “non entendemos como é posíbel que unha empresa que din que vai mal non liquide aos traballadores e traballadoras e os siga a ter nesta situación”

A isto engade que “nos tememos que tanto á empresa como ao administrador concursal lle interese que sexan os propios traballadores/as quen abandonen os postos de traballo para non ter que pagar as pertinentes indemnizacións”. Lembra que aínda sen cobrar, sen mercadoría e sen electricidade a maioría do persoal continua presentándose no seu posto de traballo cada mañá.

“A situación destes homes e mulleres é dramática e cada día que pasa empeora”, sinala e reitera máis unha vez que moitos/as xa no están tomando as súas medicacións ou adebedan facturas nas farmacias e “non teñen nin para comer”.

Para Naveiro, diante desta situación e tendo en conta que se trata dun colectivo especialmente vulnerábel a Xunta tiña que ter asumido xa a súa responsabilidade. “REGAKI é un Centro Especial de Emprego que cobrou grandes cantidades de cartos públicos en concepto de subvención para integración social e laboral e agora a Xunta de Galiza elude as súas responsabilidades até o punto de que nin sequera se pronuncia sobre este conflito”.

A representante da CIG-Servizos considera ademais que “é moi grave que non fixera sequera seguimento de para que estaban a ser utilizados os cartos públicos que lles estaban concedendo e máis agora, coa vida de 95 familias en xogo ”.