A Sección Sindical da CIG pide explicacións a CESPA polas presuntas irregularidades na contratación e as amezas a traballadores

Demandan do Concello da Coruña que aclare se coñece a situación que se vive na adxudicataria do servizo de recollida de lixo
A Sección Sindical da CIG na empresa CESPA, adxudicataria do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo da Coruña, vén de remitir un escrito á dirección da empresa reclamando explicacións urxentes sobre o incidente producido na mañá de onte, xoves, cando o Presidente do Comité ameazou e agrediu verbalmente a un traballador que se encontraba realizando o seu traballo.
24/4/15.

Segundo se relata na denuncia que o traballador (que neste momento está de baixa por ansiedade e pánico) presentou diante da policía, o mencionado Presidente do Comité ameazouno con que ía “ter problemas laborais e persoais”, “es un pallaso” ou “non sabes con quen te metes”. Actitude e ameazas que a Sección Sindical considera "de todo punto intolerábeis, cando veñen ademais por parte de quen supostamente ten a responsabilidade de defender os intereses do conxunto dos traballadores e traballadoras a quen representa".

Este incidente coincide tamén coa publicación nun medio comarcal das presuntas extorsións e subornos que se dan nas contratacións de persoal en CESPA, "que constitúen unhas gravísimas actuacións ante as que a empresa non pode ficar impasíbel e polas que ten que dar prontas explicacións".

Por esta mesma razón, engaden, "o titular do contrato, o Concello da Coruña, debe aclarar se coñecía estas irregularidades –que suporían unha auténtica trama corrupta-, que medidas adoptou para corrixir esta situación e que actuacións vai a levar a cabo para depurar responsabilidades". Especialmente tendo en conta que estamos a falar dun servizo público que se paga cos cartos de todos os cidadáns e as cidadás.

Dende a Sección Sindical da CIG esixen unha resposta "pública e urxente" tanto por parte da empresa CESPA como do Concello da Coruña sobre estas situacións.