Triste aniversario para o persoal de REGAKI: 5 meses sen cobrar e sen noticias de cando o farán

Seguen agardando polas resolucións xudiciais do concurso de credores e do ERE e algúns tiveron que recorrer a axudas para comer
Cinco salarios e unha paga extra é o que se lle adebeda a esta altura ao persoal de REGAKI-COGAMI-GES. Cinco meses de mobilizacións e de denuncia da inacción política do goberno da Xunta, nomeadamente da consellaría de Traballo, e agora tamén de denuncia da lentitude xudicial, que en todo este tempo foi incapaz de resolver sobre o ERE ou sobre o concurso de acredores.
07/5/15.

Diante desta situación Carmiña Naveiro, da CIG-Servizos, pregúntase “que é o que lle importa ao PP”, que leva precisamente como lema electoral “Por todo o que importa” e que porén non ten escrúpulo algún para “mirar para outro lado” mentres estes traballadores e traballadoras teñen que recorrer a axudas para poder seguir comendo.

Naveiro non comprende tampouco as razóns que poden provocar que a esta altura non se teña decidido aínda na vía xudicial sobre o ERE ou sobre o concurso de acredores. “Non se pode permitir que a ‘xustiza’ tarde meses, mentres os recibos pasan e non se poden pagar porque non tes ningún ingreso para facerlles fronte”.

Para a representante de CIG-Servizos esta situación é “denigrante” non para quen a sofre, as traballadoras e traballadores, senón para quen permite que estea pasando. “Nin sequera tiveron a ben preguntar polo estado da delegada que se desmaiou no parlamento diante das afirmacións da conselleira, Beatriz Mato, e tivo que ser trasladada ao hospital en ambulancia”.

Unha intervención na que Mato chegou a definir a COGAMI, que ten ao seu persoal nestas condicións infames, como “empresa modélica” e que provocou desesperación e impotencia no persoal. “Modélica é para a conselleira unha empresa que xustificou 27 despedimentos como disciplinarios entre os anos 2012 e 2013 acusando de roubo aos traballadores/as e que logo foron considerados improcedentes polo xulgado; que aplicou sancións; que insultou os seus traballadores e traballadoras; que non atendeu ás necesidades do persoal adaptando os postos de traballo ás discapacidades e que agora os ten sen cobrar desde hai meses”, lembrou Naveiro.

Por todo isto, o persoal de REGAKI seguirá a mobilizarse en demanda dos seus salarios; da proclamación como Grupo de Empresas a COGAMI-GES; da declaración de concurso culpábel; da negociación coa representación legal dos traballadores e traballadoras; da tramitación dun proceso competitivo público e que se teñan en conta as alegacións presentadas ao xulgado do mercantil.