O candidato do PP á alcaldía de Compostela encárase co persoal de REGAKI mentres Beatriz Mato foxe

CIG-Servizos denuncia que tivo a “desvergonza” de responsabilizar ao sindicato de que leven seis meses sen cobrar
Traballadoras e traballadores de Regaki concentráronse onte en Compostela diante do local onde o Partido Popular celebraba un acto de campaña no que xunto ao candidato á alcaldía, Agustín Hernández, participaba a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. A CIG denuncia a “desvergonza” de Hernández, que aínda sabendo que o persoal desta empresa de integración social leva seis meses sen cobrar, tivo o “descaro” de responsabilizar ao sindicato de que estean sen cobrar.
20/5/15.

Carmiña Naveiro, da CIG-Servizos lembra a “esperpéntica” situación. “Eran as cinco da tarde, cando chegou Hernández ao Paz Nogueira. O persoal ao velo comezou a denunciar a viva voz que para facer campaña tiña tempo, pero para interesarse pola súa situación e recibilos, malia terlle solicitado en repetidas ocasións reunións con el, non. Ante isto o candidato do PP encarouse con dúas traballadoras que estaban na pancarta e díxolles que este asunto estaría resolto se non estiveran os sindicatos polo medio”.

Segundo relata Naveiro “en ton ameazante dirixiuse a min e acusoume de ser responsábel desta situación e o que é aínda máis alucinante, chegou a dicir que a CIG politizara o conflito”.

A representante da CIG-Servizos entende que “se politizar é denunciar o papel da Xunta de Galiza e nomeadamente da consellaría de Traballo e Benestar; evidenciar que non tiveron control algún sobre o destino das subvencións -que foron concedidas precisamente para sufragar o 50% dos salarios destes traballadores/as-, cando calquera cidadán de a pé se solicita unha subvención para arranxar a súa casa e non o fai obríganlle a devolver os cartos, entón si que estamos politizando o conflito”.

Naveiro denuncia que porén o candidato do PP non considera “politizar” reunirse esclusivamente con Anxo Queiruga, para coñecer a versión da empresa e despreciar a estes  traballadores e traballadoras dun colectivo especialmente sensíbel. “Que pode ser máis político que decidir pórse de parte da patronal e fronte aos traballadores deixándoos indefensos e desamparados”.

Fuxida de Beatriz Mato

Para a representante de CIG-Servizos tan lamentábel como a actitude do candidato do PP foi a de Breatriz Mato que, segundo afirma, “literalmente fuxiu para non ter que dar a cara diante das traballadoras e traballadores, nin explicacións sobre as subvencións concedidas a COGAMI”.

Naveiro denuncia ademais que a esta altura non hai ningunha decisión por parte do xulgado a respecto do concurso de acredores presentado por REGAKI-COGAMI-GES. “É inadmisíbel que nun caso como este e transcorrido máis de medio ano, se siga mantendo nesta situación a estes traballadores e traballadoras con discapacidade”.

Xunto a isto Naveiro afirma que  “é gravísimo que se estean regalando cartos por aí a empresas como esta, que aínda teñen a cara dura de presumir de traballar pola integración social e laboral, cando a forma de integrar que teñen queda evidenciada pola situación que están padecendo os traballadores/as no seu día a día , provocando que 95 familias estean pasando penalidades”.

Do mesmo xeito considerou gravísimo que o PP “intente vender que fai un gran labor e que se preocupa moito polos cidadáns cando ao final a súa actitude é como a que mantivo onte o Hernández”.