A CIG gaña as eleccións sindicais do primeiro comité de Pizzerías Cambalache

A pesar da enorme presión exercida pola dirección da empresa
A candidatura presentada pola CIG vén de facerse coa vitoria nas primeiras eleccións ao comité de empresa de Pizzerías Cambalache, ao lograr o 53,23% dos votos. A pesar da gran presión exercida pola dirección da empresa, o cadro de persoal, formado por máis de 140 empregadas e empregados, apoiou maioritariamente a candidatura na que se organizaron as e os traballadores.
28/7/17.

Dende CIG-Servizos da Coruña subliñan que, neste contexto, a participación no proceso de eleccións, celebrado o mércores 26 de xullo, foi moi elevado (acadando o 91%).

A empresa, pola súa parte, argallou unha candidatura empresarial inzada de mandos intermedios e fixo campaña aberta pola mesma, promovendo asembleas e entrevistas persoais co persoal de cada centro de traballo.

As manobras por parte da dirección de Pizzerías Cambalache para impedir que a CIG lograra representación foron tan acusadas, que incluso chegaron a espallar cuestións persoais do pasado do candidato nº 1 da CIG, difamadoras e que nada tiñan que ver co ámbito laboral, para intentar desacreditalo. "A pesar destas presións, a maioría dos traballadores e traballadoras souberon elixir a única opción que representa os seus intereses de clase", aseveran.