A CIG en Prosegur e Eulen critica a convocatoria "oportunista" de folga nos aeroportos galegos

Lamentan que UGT só busque "rédito sindical" e non someta a decisión ás asembleas de persoal
As seccións sindicais da CIG de Prosegur e Eulen critican que unha soa central sindical estea a tomar decisións en nome dos traballadores e traballadoras da seguridade privada dos aeroportos de Santiago e da Coruña "sen ter en conta a opinión do persoal" afectado e buscando só "sacar rédito sindical".
14/8/17.

Nun comunicado dirixido ao persoal de seguridade privada dos aeroportos de Compostela e A Coruña (servizo do que se encargan as empresas Prosegur e Eulen), dende as sección sindicais da CIG explican que o pasado 10 de agosto, a UGT comunicou a través dos medios a convocatoria de paros parciais ou folga pola precarización das condicións laborais. Unha convocatoria da que non eran coñecedoras as demais organizacións con representación nos comités nin o propio persoal, e que chegou  en pleno rebumbio mediático polo conflito laboral no aeroporto de Barcelona.

A este respecto, aclaran que,  hai tres semanas, as seccións sindicais das centrais con representación nos aeroportos de Santiago de Compostela e da Coruña, mantiveron un primeiro contacto, onde se acordou realizar unha nova reunión para unificar as reivindicacións e realizar unha folla de ruta, e na que estaría presentar tamén os/as asesores/as dos sindicatos.

Esa xuntanza iría seguida dunha asemblea co conxunto dos traballadores e traballadoras para explicarlles a situación, e na mesma decidiríanse e aprobaríanse  tanto as accións sindicais como as reivindicacións a trasladar ás empresas adxudicatarias: Prosegur e Eulen. Non obstante, denuncian as seccións sindicais da CIG, a UGT "decidiu non contar coas demais forzas sindicais, e toman a decisión de costas aos traballadores/as dos aeroportos e dos demais sindicatos tendo que enterarnos da convocatoria polos medios de comunicación".

Para a representación da CIG resulta inconcibíbel que se ignore deste xeito ao persoal afectado, pretendendo levalo a unha folga "sen coñecer as causas que a motivan".  Fronte a este proceder, convidan a UGT "a que recapacite, procurando o apoio tanto dos demais sindicatos e contando coa opinión dos traballadores/as, e non buscar sacar rédito sindical aproveitando a ocasión".

Nesta liña, acusan á central española de non ter defendido previamente os intereses dos traballadores e traballadoras, "ao permitir e colaborar para que as empresas adxudicatarias e AENA tiraran abaixo todo o conseguido durante moitos anos de loita, amparándose na escusa da crise". Apuntan que, dende xuño de 2012, "cada vixiante de seguridade está perdendo ao ano 2.250€, o que supón en cinco anos un total de 11.250€ menos".

"A CIG tomará as medidas que considere axeitadas para informar de todo o acontecido até o día de hoxe, e para decidir entre todo o persoal que accións tomar, mais sempre apoiando o que decidan colectivamente o conxunto dos traballadores/as, facendo as cousas como hai que facelas, co único interese de mellorar as condicións laborais e recuperar o roubado", conclúen.