COFARES Noroeste, condenada a readmitir a un traballador ao que despediu por represalia sindical

Formaba parte da Mesa Electoral que inadmitiu a candidatura de FETICO por presentarse fóra de prazo
COFARES Noroeste y del Cantábrico vén de ser condenada a readmitir a un traballador ao que despediu en represalia por tomar unha decisión como vogal da Mesa Electoral que, nas últimas eleccións sindicais, non admitiu a candidatura de FETICO (que era apoiada pola dirección). Así o entende o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que acaba de ditar sentenza admitindo o recurso interposto polo traballador e revogando a sentenza de primeira instancia que tan só considerou o despedimento como improcedente.
14/8/17.

A Sala do Social da Coruña do TSXG entende que se produciu unha vulneración dos dereitos fundamentais do traballador, xa que foi represaliado pola empresa "pola súa actuación como árbitro independente entre os distintos sindicatos que concorrían ás eleccións", celebradas a finais de setembro de 2016.  

O proceso foi promovido pola CIG e o traballador afectado -que tiña un contrato eventual por circunstancias da produción-, e dous compañeiros indefinidos foron designados membros da Mesa Electoral, que tomou a decisión de non admitir a candidatura de FETICO, por terse presentado fóra de prazo seguindo o calendario electoral.

Tras a decisión da Mesa (ratificada en laudo arbitral), a reacción da empresa non se fixo agardar e despediu ao traballador por fin de contrato, e iso a pesares de que a carga de traballo non descendera e  se estaba contratando máis persoal eventual. De feito, na sentenza pola que se declarou improcedente o despedimento, cuestionase o carácter temporal do contrato, entendendo que as tarefas que realiza son unha necesidade permanente na empresa, e considerándose indefinido.

Vulneración da liberdade sindical

Que a decisión nada tiña a ver con cuestións laborais dá boa conta a conversa que o despedido mantivo días despois co seu superior, na que este lle amosa o interese da empresa por contar con representación de FETICO neste centro de traballo, facéndolle ver que a decisión da Mesa de non admitir a lista deste sindicato ás eleccións era "ir contra da empresa" e crear "unha lea onde non se esperaba".

Por iso, na sentenza sublíñase que a "intención da empresa foi unha represalia, sen que haxa xustificación de que a causa real do despedimento fose outra diferente". O comportamento da empresa supón vulnerar a liberdade sindical por canto priva "de sentido á esixíbel independencia dos membros da Mesa, independencia que garante a actuación dos sindicatos nas eleccións en igualdade de condicións en exercicio da liberdade sindical".

Dende a CIG-Servizos da Coruña destacan que a actuación de COFARES con este traballador ilustra o proceder de determinadas empresas que entenden que os órganos de representación teñen que ser apéndices dos departamentos de recursos humanos e medios control do persoal e non unha ferramenta dos traballadores e traballadoras para a defensa dos seus dereitos. De aí que favorezan a presenza de sindicatos entreguistas dispostos a chegar a pactos de todo tipo e intenten por todos os medios evitar que centrais combativas como a CIG poidan lograr representación.