Traballadoras de Stradivarius protestan contra o peche de tendas e o deterioro das condicións laborais

CIG-Servizos denuncia que a decisión deixa sen validez acordos asinados coa empresa
Traballadoras e traballadores de Stradivarius concentráronse este xoves en protesta pola decisión repentina do Grupo Inditex de pechar a tenda situada no Centro Comercial Catro Camiños. Dende CIG-Servizos denuncian que este peche provocará o empeoramento das condicións laborais das traballadoras da Coruña e deixará sen validez moitos dos acordos alcanzados coa empresa até o de agora. A protesta desenvolveuse coincidindo coa re-inauguración da tenda Stradivarius da Praza de Lugo, tras ser reformada.
31/8/17.

A decisión de cerrar definitivamente o estabelecemento de Catro Camiños foi comunicada á representación sindical o pasado 31 de xullo e vén sumarse ao xa esperado peche da tenda do Centro Comercial Espacio Coruña. "Dende o primeiro momento, manifestamos a nosa rotunda oposición ao peche da tenda histórica do C.C. Catro Camiños, que, día tras día, supera os obxectivos de venda marcados. Porén, a empresa remarcou que era unha decisión comercial irrevogábel", explica Lucía Domínguez, presidenta do comité na provincia da Coruña.

Redución de salarios

Domínguez apunta que, aínda que non se agardan despedimentos, as traballadores serán recolocadas nas dúas únicas tendas que quedan abertas na cidade, mais sen ter en conta as preferencias das empregadas, tal e como si se fixo en casos anteriores. Non obstante, o máis preocupante é que esta clausura provocará un evidente deterioro das condicións laborais, "pois as comisións quedarán reducidas e as posibilidades de aumentar xornada, tanto de maneira temporal coma indefinida, desaparecerán por completo".

Neste senso, hai que lembrar que as xornadas destas traballadores son maioritariamente a tempo parcial e, polo tanto, teñen uns ingresos cativos. Unha situación precaria paliada en parte polos acordos asinados hai agora un ano coa empresa, mediante os que se subiu a porcentaxe da comisión que se cobra cada mes e que se reparte de maneira colectiva. A este respecto, a presidenta do comité advirte que "perderemos cartos, porque haberá que dividir esa comisión entre un cadro de traballadoras amplísimo, cando antes a media por tenda era de sete ou nove persoas".

A través deses acordos tamén se dá prioridade ás traballadoras da tenda para subir a xornada se hai necesidade de variar as horas. "Isto permitíanos completar a xornada laboral e gañar un pouco máis e, ademais, a fin de ano consolidar unha media de horas indefinidas, segundo as variacións temporais que tiveras. Agora, con tan poucas tendas, a empresa non vai precisar botar man destas horas, que non se poderán consolidar en xornada indefinida", subliña Domínguez.

A tenda na que xurdiu o movemento sindical da CIG en Stradivarius

Pola súa banda, a dirección da empresa xustificou a decisión do peche das dúas tendas na plena confianza en que as vendas na cidade aumentarán globalmente e comprometeuse a tratar todos estes asuntos "en reunións que a día de hoxe non teñen data", critica a delegada de persoal.

Nesta liña, lembra que da tenda de Catro Camiños foi de onde xurdiu todo o movemento sindical da CIG en Stradivarius e a totalidade do cadro de persoal está afiliado. "A actuación sindical neste tenda é exemplo para as outras tendas da cadea", asevera Domínguez, e engade: "foi moito o traballo que nos custou conseguir mellorar as nosas condicións laborais e salariais e non imos permitir que nolas rebaixen".