"A política forestal de Medio Rural vén determinada polo anticiclón das Azores"

A improvisación constatouse hoxe co anuncio da ampliación dos contratos en Seaga por outros 15 días
A consellaría de Medio Rural anunciaba esta mañá a ampliación dos contratos das/os brigadistas até o 12 de novembro. O anuncio producíase tras da rolda de prensa convocada polos comités provinciais de Seaga para alertar da persistencia da situación de alto risco de incendios por mor das previsións meteorolóxicas e denunciar a improvisación de Medio Rural na planificación do operativo. Unha improvisación que entenden quedou constatada do momento no que a comunicación da prórroga dos contratos non se lle fixo ás/aos traballadores, que a esta altura agardan pola súa confirmación, senón ás/aos xornalistas. De aí que denunciaran que “a política forestal da consellaría de Medio Rural a determina o anticiclón das Azores”.
25/10/17.

Así o afirmou Paulo Rubido, Secretario confederal de Medio Ambiente e Medio Rural, quen trasladou ao director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, unha pregunta clara e directa “que vai facer cos traballadores e traballadoras de Seaga? O día 31 de outubro esta xente remata os seus contratos. Temos unha previsión meteorolóxica que estende máis alá desa data a situación de perigo de incendios forestais en alto risco”.

Rubido advertía ademais, tendo en conta o ocorrido coa catastrófica vaga de lumes de hai dúas semanas, do despropósito de acordar, de pronto, que “como ten unha situación de alto risco ten que volver montar o operativo”, logo de devolver os coches, quitar as emisoras e  retirar o material.

E é que de manterse a previsión de Medio Rural 500 traballadores/as de Seaga e case outros tantos con contratos de tres meses do SPDCIF deixarían de formar parte do operativo a final de mes. Case 1.000 persoas cuxas vidas dependen da improvisación de Medio Rural e, sobre todo, das condicións climatolóxicas, que son as que condicionan as decisións da consellaría. “O verdadeiro director xeral de Ordenación Forestal é o anticiclón”, reiteraba ante isto Rubido, que insistía en que “para enfrontar os incendios forestais requírese de planificación. Non se pode decidir dun día para outro”.

“Auténtica improvisación”

Para deixar constancia desa improvisación, o presidente do comité provincial de Seaga en Pontevedra, Josafat Puente, fixo unha cronoloxía dos feitos acontecidos nos día previos á fatal vaga de lumes que arrasou, sobre todo, o sur de Galiza os días 14 e 15 deste mes. Lembrou que xusto a semana anterior, e sabendo que o día 12 remataban os contratos, un delegado de Seaga falou con Couto para advertilo da gravidade da situación, polas condicións meteorolóxicas que se prevían para esa fin de semana coa chegada do furacán Ophelia, as altas temperaturas e a seca. “Couto dixo que era imposíbel volver montar o dispositivo”, asegurou Puente.

Así as cousas os comités convocaron unha concentración diante da Dirección Xeral de Montes para denunciar as circunstancias que se daban, reclamar volver ser contratados/as diante desas condicións e facer entrega dun escrito no que aseguraban que “as condicións meteorolóxicas derivadas do cambio climático, o declive demográfico do rural, o abandono da produción gandeira e o monocultivo forestal, entre outros factores, están a provocar que os incendios forestais en Galiza se produzan practicamente en todas as estacións do ano.

O abandono, desde hai anos, por parte da consellaría, da prevención como unha das ferramentas imprescindíbeis para a loita contra os incendios forestais a falta de planificación e a permanente improvisación aumentan exponencialmente as posibilidades de se produzan incendios forestais e de que sexan moito máis devastadores do que poderían ser.

A limitación que realiza a consellaría do período de alto risco aos meses de verán é cando menos inoperativa. A decisión de enviar para casa as brigadas de Seaga o 12 de outubro é nefasta e irresponsábel e manter até o final do mes de outubro parte do operativo, brigadas aerotransportadas e motobombistas ao tempo que se prescinde practicamente das brigadas de terra é un absurdo”.

Avisos de ampliación do contrato

Segundo Puente foi no decurso desa concentración cando comezaron a recibir avisos de que ían ser reincorporados de novo ao dispositivo e contra as 12:30-13:00 horas unha comunicación do xerente dicindo que continuarían traballando até o día 31 de outubro. (Cousa que, porén, non aconteceu desta volta, xa que as/os traballadoras/es souberon hoxe pola radio que seguirían traballando até o día 12 de novembro e aínda agardan pola confirmación desa noticia).

“Isto foi o venres”, explicou o presidente do comité de Pontevedra, quen matizou que, en todo caso “nas brigadas de Ourense, o sábado e domingo, os días que máis incendios houbo, as brigadas estaban todas inoperativas. Comezaron a traballar o luns. De 125 traballadores/as había dispoñíbeis: ningún”.

A iso engadiu que na provincia de Pontevedra, outra das máis afectadas polos lumes, “da xente de Seaga, o domingo só traballaron 40, 12 deles voluntarios. A maior parte do dispositivo estaba na casa”.

Con todo subliñou que houbo moita xente que se ofreceu voluntaria para poder entrar antes e poder atallar os lumes desa fin de semana. Porén, denunciou, “pola decisión apurada de desmontar o operativo e volver a montalo, deuse a casualidade de que non tiñamos nin equipos de prevención nas bases, nin emisoras nos coches, nin coches sequera. Así que non foi posíbel que as brigadas de Seaga participaran nos labores de extinción dos lumes de sábado e domingo, entrando a maioría entre luns e mércores a traballar, cando xa comezara a chover”.

Por iso considerou unha “irresponsabilidade absoluta” desmontar un operativo dous días antes, para volver a montalo, tal e  como estaba previsto facer de novo agora.

Previsións meteorolóxicas

Foi o presidente do comité de Lugo, Héctor López quen asegurou que segundo todos os modelos, as previsións meteorolóxicas para os vindeiros días son de calor e vento do Sur. Subliñou que durante a fin de semana rola a Norte, Nordés, con bastante vento e que “o que choveu nestes días pasados apenas se notou”.

Unha situación, xa que logo, similar á de días pasados diante da que se preguntou se “a consellaría vai ter as brigadas dependendo sempre do tempo, de cando vai chover, en lugar de montar un dispositivo que dure todo o ano”.

Dimisión de Fernández Couto

Así as cousas, Peter Brea, delegado de Seaga na provincia da Coruña, arremeteu contra unha política forestal que “vén de hai 20 anos” e que se demostrou ineficaz para atallar o problema dos incendios forestais. Denunciou a “precariedade laboral inmunda” que padece o persoal de Seaga, que é o que está “12 horas en perigo, métese na cabeza dun lume e o apaga”. Reclamou o seu recoñecemento como bombeiros forestais e formación para enfrontar a nova tipoloxía de incendios forestais que se están dando, “auténticas tormentas de lume”.

Brea denunciou ademais que “Tomás Fernández Couto quitou o orzamento que teñen as/os axentes forestais para investigación”. Asegurou que “se queremos parar esta lacra temos que saber de onde vén, porque a casuística é demasiado variábel” e exixiu, en nome dos comités provinciais e das e dos traballadores de Seaga a dimisión do director xeral, diante deste “fiasco”.