Paralízanse as mobilizacións de comercio vario da Coruña ante a constitución da Mesa Negociadora

A primeira xuntanza terá lugar o vindeiro día 21 de novembro
Tras das mobilizacións realizadas pola CIG, CCOO e UGT no sector de comercio vario da provincia da Coruña paralízanse as previstas para os seguintes días, ante a convocatoria realizada polas patronais do comercio para a constitución da mesa negociadora do convenio provincial para o día 21 deste mes de novembro.
16/11/17.

CIG, CCOO e UGT denunciaran o convenio para o volver negociar xa que finalizara a súa vixencia en decembro de 2015. Porén, ningunha das asociacións patronais afectadas quixera até o de agora sentar a negociar. Un “bloqueo” que impedía constituír a mesa mesmo desoíndo a solicitude de mediación tramitada a través do Consello Galego de Relacións  Laborais.

Isto levou a convocar mobilizacións porque este convenio só ten ultraactividade até o 30 de xuño de 2018 o que implicaría a súa desaparición de non se asinar un novo e que todas as traballadoras e traballadores do sector pasaran a se rexer polas condicións laborais e salariais básicas contempladas no Estatuto dos/as Traballadores/as.

Este primeiro paso permite desatascar a negociación e as organizacións sindicais insistirán, en diante, até conseguir a firma dun novo convenio.