O persoal da recollida do lixo de Ponteareas baralla convocar folga para reclamar uns soldos dignos

Os empregados/as de FCC denuncian o bloqueo da negociación do convenio tras un ano de reunións
O cadro de persoal de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo do Concello de Ponteareas, baralla convocar folga na segunda quincena de decembro para reclamar un novo convenio colectivo que fixe uns soldos dignos. Os traballadores/as denuncian que a negociación atópase bloqueada tras case un ano de conversas porque a empresa ofrece unha suba salarial que cualifican de “ridícula”.
28/11/17.

O responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, explica que a vixencia do convenio rematou en 2015, ano no que o persoal convocou varias xornadas de folga tras as que se subscribiron dous acordos económicos que permitiron un incremento salarial de 60 euros. Con todo, os soldos superan escasamente o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), situándose en 766,37 euros, moi lonxe dos obxectivos do persoal, que aspira a ingresar 1000 euros ao mes. Pérez lembra que en concellos de similares características aos de Ponteareas os traballadores/as do lixo cobran un mínimo de 18.000 euros anuais, uns 1200 euros ao mes.

“A día de hoxe, tras case un ano de negociacións, as posicións están moi lonxe do acordo porque a empresa non se move máis alá dun incremento ridículo que nin sequera garante o IPC”, indica. Deste xeito, despois das últimas xuntanzas, e vendo que a situación de bloqueo é “constante e continua”, só se visualiza unha saída de conflito que se produciría, “se non cambian as cousas”, na segunda quincena de decembro e que desembocaría nunha folga para tratar de arranxar a situación.

A folga como único camiño

Ao mesmo tempo, denuncia que non existe implicación por parte do Goberno municipal para tratar de resolver un conflito “que lles afecta en primeira persoa e do que son coñecedores/as dende a folga de 2015, momento no que accederon ao Concello”. Tamén critica que “a coñecida situación de precariedade” dos empregados/as do lixo de Ponteareas “semella non preocuparlle a ninguén máis que aos propios/as afectados/as, xa que nin Goberno local nin empresa teñen a sensibilidade necesaria para arranxar esta problemática”.

Diante disto, sostén que “a folga é o único camiño” que teñen os traballadores/as na procura de lograr os seus obxectivos, “que non son outros que lograr un salario digno e unha mellora das condicións laborais que lles permita conciliar a vida profesional e familiar”. Por iso incide en que se finalmente se fai efectiva a convocatoria de folga “sentiremos os posíbeis prexuízos que poida provocar entre a veciñanza, pero temos que deixar claro que será consecuencia da irresponsabilidade e ineptitude da empresa e do responsábel do servizo, o Goberno municipal”.