Reclaman protección contra o radon para o persoal de limpeza das dependencias municipais de Ourense

Dende a CIG denuncian que o Goberno local só trasladou das zonas afectadas aos funcionarios/as
A Unión Comarcal da CIG de Ourense vén de reclaman a adopción das medidas de prevención necesarias para protexer a saúde de todo o persoal que presta servizo nas dependencias municipais nas que se detectaron niveis de gas radon superiores aos recomendados. Dende a central denuncian que o Goberno local trasladou funcionarios/as das zonas afectadas pero mantén as traballadoras/es da limpeza.
28/12/17.

Diante disto, na CIG-Ourense esíxenlle a Onet Seralia, concesionaria do servizo de limpeza das dependencias municipais, e ao Concello, máximo responsábel da seguridade das persoas que traballan nelas, que tomen as medidas de prevención necesarias para protexer a saúde de todo o persoal que presta servizo nesas dependencias, sexa persoal funcionario, grupos municipais ou persoal de limpeza.

Lembran que ante o resultado das medicións de gas radon que ao parecer amosan niveis superiores aos recomendados na normativa vixente, o Goberno local adoptou medidas preventivas como o traslado provisional do persoal funcionario (alguacís e algún grupo político) dos lugares de maior concentración do gas e de menor ventilación. “Esta semella ser unha medida acaída, á espera dos informes definitivos e mentres non se poñan en marcha medidas correctoras”.

"Non hai niveis de protección preferentes"

Con todo, critican que o Concello semella preocuparse unicamente polo persoal propio, sexan funcionarios/as ou grupos municipais, xa que non se segue o mesmo criterio co persoal de limpeza das dependencias municipais estudadas. “Polo que en lugares como o Cárcere da Coroa ou o Centro de Iniciativas Empresariais as mulleres encargadas do servizo de limpeza continúa cambiándose de roupa ou limpando nos mesmo lugares dos que os alguacís foron desaloxados”.

Desde a CIG queren deixar moi claro que “non pretendemos dar voces de alarma gratuítas, pero si reclamamos o mesmo trato e coidado co persoal de limpeza que co persoal funcionario; se hai que tomar medidas preventivas hai que adoitalas con todas as persoas expostas; non hai niveis de protección preferentes”.