Principio de acordo sobre o convenio de Ecourense permitirá desconvocar a folga na recollida do lixo

A decisión deberá ser ratificada polo cadro de persoal en asemblea
A dirección de Ecourense, concesionaria da recollida da limpeza e recollida do lixo do Concello de Ourense, e o comité de empresa chegaron hoxe a un principio de acordo sobre o convenio colectivo que será debatido pola asemblea de traballadores/as este venres. No caso de que o preacordo sexa ratificado procederase a desconvocar a folga indefinida prevista para este luns día 5.
01/2/18.

Tras varias xornadas de negociacións as partes lograron materializar un principio de acordo a primeira hora desta tarde que se basea nos seguintes puntos:

-A vixencia do convenio será de catro anos (2016-2019).

-En materia de retribucións establécese un incremento salarial para 2016 e 2017 do 1,6% e do 1,1%, aplicado sobre a masa salarial, seguindo os mesmos criterios que actualmente recolle o convenio (200 euros lineais por cada punto de IPC). O seu pagamento farase efectivo nunha paga única (540 euros lineais).

En 2018 a suba será do 2,72% e aplicarase a cada un dos conceptos salariais, coa excepción dos pluses de toxicidade e nocturnidade. O plus de toxicidade aplicarase a partires do 1 de xaneiro de 2018 e será o resultante de aplicar o 25% sobre o salario base. O de nocturnidade aplicarase a partires do 1 de xaneiro de 2018 e será o resultante de aplicar o 35% sobre o salario base. Finalmente, en 2019 o incremento será do IPC real de 2018 sobre todos os conceptos.

-A nocturnidade durante as vacacións cobrarase na mensualidade correspondente ao mes de vacacións.

-Persoal a tempo parcial (fins de semana): Os contratos que a empresa teña que efectuar par cobertura de baixas e outras necesidades -incluíndo expresamente a cobertura dos tres meses de vacacións- farase co persoal que actualmente teñan contrato a tempo parcial.

-Tamén se lograron melloras na xubilación parcial e en temas organizativos.

Valoración positiva

Dende a CIG de Ourense valoran positivamente o preacordo e anuncian que na asemblea de traballadores/as defenderán o voto favorábel ao considerar que “logo de varios anos de estancamento, e mesmo de retrocesos, volvemos ao camiño de recuperar conquistas e dereitos”.

Neste senso, sinalan que aspectos como recobrar os incrementos en todos e cada un dos conceptos salariais (incluída a antigüidade), desconxelar os pluses de nocturnidade e toxicidade (estancados desde 2012), conseguir un incremento no ano 2016 -no que o IPC do ano anterior foi do 0%- e mellorar a calidade de vida e traballo do colectivo máis precarizado da empresa (persoal de fin de semana) “representan un claro avance que temos que consolidar en próximas negociacións, converténdose nun punto de inflexión que nos aparte definitivamente da perda de dereitos”.

Finalmente, amosan o seu convencemento de que se chegou a este principio de acordo porque se puxo por enriba da mesa unha convocatoria de folga amplamente apoiada polo conxunto do cadro de persoal, medida que a CIG xa defendera en 2017.

“Quedou demostrado que a unidade obreira e a determinación inequívoca de defender os nosos dereitos e recuperar conquistas perdidas dan os seus froitos, así que animamos o resto das empresas e sectores produtivos a loitar sen prexuízos e sen reservas en defensa dunhas mellores condicións de vida e de traballo”, rematan.