Urbaser, UGT e USO asinan un acordo "que supón cargarse os dereitos do persoal de fin de semana"

CIG-Servizos mantén o conflito colectivo contra a empresa por incumprir o convenio
Este venres estaba fixado o xuízo polo conflito colectivo interposto pola CIG e UGT contra Urbaser a causa dos incumprimentos na cobertura das vacantes. Porén, no día de onte, a empresa, USO e UGT asinaron un acordo a través do que pretendían conseguir que se desistira do procedemento xudicial. Para a representación da CIG este acordo supón un "auténtico cambalache" entre Urbaser e as dúas centrais sindicais e valoran moi negativamente o mesmo, "xa que se carga de golpe os dereitos colectivos do persoal de fin de semana".
02/2/18.

Tras do asinamento do acordo, desistiuse da demanda por parte de UGT, e aínda que a CIG continúa adiante coa mesma, houbo que suspender o xuízo previsto para esta mañá ao non estar citadas as testemuñas propostas pola central sindical.

Dende a CIG-Servizos e a representación da central sindical en Urbaser (que que se encarga da recollida do lixo e a limpeza viaria do Concello de Lugo) explican que o conflito colectivo foi presentado en defensa do dereito do persoal de fin de semana a cubrir as vacantes que se produciron dende o 7 de agosto de 2014, data na que se asinou o convenio colectivo e se puxo fin a unha loita de 59 días.

Incumprimento do establecido no convenio

Segundo explican, o acordo proposto por UGT, e apoiado pola USO, concrétase nos seguintes termos:  

-9 vacantes distribuídas anualmente do seguinte xeito: 4 a data de sinatura do acordo, 3 a 1 de xaneiro de 2019 e 2 a 1 de xaneiro de 2020. Así mesmo, establecer a xornada laboral das persoas que cubran as vacantes de luns a domingo e pasar o mesmo número de traballadores/as de xornada completa, que actualmente prestan servizos de luns a domingo, a prestar servizos de luns a sábado.

A representación da CIG, na procura de buscar unha saída de consenso ao conflito colectivo, propuxo aceptar as 9 vacantes coa seguinte distribución anual: 5 en 2018 (a data do acordo) e 4 a 1 de xaneiro de 2019. En todo caso, a CIG estaría en disposición de valorar a distribución anual proposta por UGT "sempre e cando o persoal que cubrira as vacantes fora o de fin de semana, pois o contrario supón un claro incumprimento do vixente convenio colectivo que foi asinado pola empresa e por todas as centrais sindicais con representación no comité e, máis importante, ratificado por unanimidade do cadro de persoal en asemblea.

O acordo asinado supón que agora quen pasa a cubrir as vacantes é o persoal de xornada completa, que actualmente traballan de luns a domingo. "Ao noso entender, este feito vulnera dun xeito flagrante os dereitos colectivos do persoal de fin de semana", denuncia Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña.

Dereitos conquistados tras unha dura loita

"A valoración da CIG sobre o que definimos como un auténtico cambalache entre Urbaser, USO e UGT, non pode ser máis negativa, pois acaban de cargarse dun golpe os dereitos colectivos do persoal de fin de semana que tanto esforzo lle custou á totalidade do cadro de persoal de Urbaser conseguir durante a negociación do vixente convenio colectivo e que supuxo levar adiante unha folga de 59 días", denuncian.

Ademais, dende a representación da CIG entenden que tanto USO como UGT "quedan hoxe sen ningunha capacidade de esixirlle á empresa o cumprimento do convenio colectivo, cando son os primeiros que incumpren o mesmo".

A CIG-Servizos lamenta tamén "a situación de debilidade e a falta de unidade" coa que se vai a abordar a negociación do novo convenio colectivo, que toca renovar este ano.  "En todo caso, a CIG como sempre seguirá defendendo os dereitos de todo o persoal de Urbaser".