Suspendida a folga na recollida do lixo de Nigrán tras renunciar a empresa á baixada de soldos

O paro non se desconvoca porque queda negociar o convenio e saber se o Concello vai cumprir co canon
As traballadoras e traballadores de Cespa-Ferrovial, concesionaria do servizo de recollida do lixo do Concello de Nigrán, decidiron hoxe en asemblea suspender a folga indefinida prevista para este luns 12 despois de que a empresa desistise da súa intención de rebaixar un 7% os salarios, eliminar contedores e zonas de limpeza e retirar persoal da quenda de noite.
09/2/18.

Con todo, os empregados/as do servizo municipal acordaron non desconvocar a folga tendo en conta que queda por diante a negociación do convenio colectivo e mentres non se confirme se o Concello vai cumprir ou non co pago do canon da concesión, principal argumento que esgrimía a empresa para xustificar a súa proposta.

Precisamente esta fora unha das cuestións que a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, lle trasladou recentemente á corporación municipal de Nigrán durante a súa intervención no pleno para explicar o conflito laboral.