O cadro de persoal de Lefties mobilízase contra un despido “inxusto e arbitrario” en Vigo

A empresa do grupo Inditex bota man de “argumentos surrealistas” para xustificar a rescisión de contrato
Un grupo de traballadoras/es da compañía téxtil Lefties mobilizouse hoxe ás portas do centro comercial Gran Vía de Vigo para rexeitar o despido “inxusto e arbitrario” dun compañeiro. Dende o comité de empresa denuncian que a firma do grupo Inditex xustificou a decisión con “argumentos surrealistas” porque o que pretende é amedrentar o cadro de persoal e esixen a readmisión do afectado.
12/2/18.

Durante a protesta convocada polo comité (CCOO, UGT e CIG) ás portas do centro comercial berráronse consignas como “Inditex, escoita, Lefties está en loita” ou “Amancio, solución, despedido readmisión” e repartíronse panfletos informativos nos que se critica a decisión da empresa e se lembra que o afectado, que ocupaba o cargo de segundo encargado, conta co apoio de todas/os as súas compañeiras/es “porque sempre se preocupou polo benestar do cadro de persoal e porque o clima laboral fose o perfecto para desenvolver o noso traballo”.

Con todo, a dirección decide rescindirlle o contrato botando man de “feitos incertos e argumentos surrealistas, como que en horas de traballo fixo un cartaz de despedida para unha compañeira que marchaba da empresa, cando o que pretenden coa decisión é amedrentar as empregadas/os”. Neste senso, lembran que se trata do quinto despido que se produce na tenda de Gran Vía nos cinco anos que leva aberta ao público.

As mobilizacións de apoio ao traballador convocadas polo comité de empresa de Lefties continuarán este martes diante do centro comercial a partir das 11:30 horas.