Lefties readmite o traballador despedido de xeito "inxusto e arbitrario" nunha tenda de Vigo

O comité suspendeu as dúas xornadas de folga previstas á espera de pactar os aspectos económicos
A dirección de Lefties, empresa pertencente ao grupo Inditex, accedeu a readmitir o traballador despedido inxustamente da tenda situada no centro comercial Gran Vía de Vigo despois de que o comité convocase dúas xornadas de folga que finalmente deixa en suspenso á espera de concretar os aspectos económicos da readmisión.
23/2/18.

Nada máis coñecer a convocatoria de folga a dirección da firma téxtil contactou coa representación sindical para manter unha xuntanza, que rematou arredor das dez da noite de onte cun preacordo que contempla a readmisión do empregado despedido de forma “inxusta e arbitraria” o pasado 31 de xaneiro. Deste xeito, o afectado recuperará o seu posto de traballo, aínda que noutra das tendas de Lefties da cidade, en concreto na situada no mercado do Progreso.

Manterá tamén o seu contrato de dependente a tempo completo, e a empresa deberá garantir que o traslado de establecemento non lle suporá ao traballador perda de poder adquisitivo. A súa reincorporación terá lugar o vindeiro 1 de marzo, aínda que previamente as partes volverán a reunirse para concretar as condicións retributivas do empregado no seu novo centro de traballo. O acordo contempla tamén que a empresa lle abonará o salario correspondente a febreiro, o mes que permaneceu despedido.