O persoal da CRTVG súmase á concentración en apoio ás traballadoras do servizo de estilismo

A partir do día 30 de marzo iniciarán unha folga indefinida
O persoal da CRTVG manifestou esta mañá o seu apoio as traballadoras do servizo de Estilismo sumándose á concentración que se celebrou diante das instalación da corporación pública en San Marcos. A empresa á que estaba contratado este servizo, New Model’s SL, leva sen pagarlles os seus salarios desde o mes de decembro. Ademais os seus postos de traballo están en perigo logo de que New Model’s fora declarada en concurso voluntario de acredores polo Xulgado do Mercantil nº 3 de Pontevedra, o pasado 21 de novembro. A partir do día 30 de marzo iniciarán unha folga indefinida.
22/3/18.

As traballadoras e traballadores da CRTVG xa viñan solidarizándose coas compañeiras do servizo de estilismo desde que se fixo pública a súa situación e, de feito, en tan só tres días recolléronse 590 sinaturas, a maioría do cadro de persoal do ente público, en apoio ás súas demandas e reclamando tamén o rescate do servizo.

Porén estes apoios non foron do gusto da CRTVG e o propio comité de empresa saíu a denunciar as presións contra as persoas que saíran publicamente a manifestar a súa solidariedade.

Rescate do servizo

A CIG considera que a situación do Servizo de Estilismo da CRTVG evidencia que “as privatizacións, baseadas en criterios mercantilistas de lucro, non garanten o emprego e os dereitos laborais das traballadoras e traballadores, e comprometen a calidade e a continuidade do servizo público”.

Por iso, reclama o seu rescate para a xestión directa, así como o de calquera outro servizo da actividade principal da corporación pública que teña carácter estrutural, garantíndose a subrogación de todo o persoal, como única garantía de mantemento do emprego e de sustentabilidade do servizo público.

Orde de embargo

Desde setembro recaia unha orde de embargo da conta de New Model’s, ordenada pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), polo que os pagamentos da CRTVG ingresaban na AEAT. A débeda do embargo foi saldada a finais de xaneiro e desde entón a CRTVG está a reter os pagamentos a aboar a New Model’s, até atinxir os 70.000 €.

Segundo a xefa do Servizo de Administración e Facturación da CRTVG, para poder efectuar eses pagamentos sen incorrer en responsabilidade ,New Model’s tiña que presentar unha certificación expedida pola AEAT de estar ao corrente no cumprimento das súas débedas tributarias. Condición que non se podía cumprir, como así se lle advertiu desde a sección sindical da CIG da CRTVG, unha vez que a  débeda contraída coa Administración Tributaria é moi superior á cantidade embargada.

Denegada a mencionada certificación pola AEAT, como era de esperar, o pasado 7 de marzo a administración concursal solicitou á CRTVG o pagamento das cantidades retidas, achegando o criterio interpretativo da Administración Tributaria, segundo o cal, cando un debedor concursal efectúe pagamentos aos que se está obrigado por contrato, previo requirimento do xuíz ou da administración concursal, non procederá a derivación de responsabilidade prevista na lei.

Non se establece prazo algún para realizar os pagamentos

Porén, o pasado venres 16 de marzo a CRTVG trasladou ás traballadoras do Servizo de Estilismo a decisión de enviar un escrito á administración concursal comunicándolle a intención de aboar a New Model´s as cantidades pendentes de pago o día 1 de abril, alargando absurdamente o prazo e prolongando innecesariamente o sufrimento das traballadoras.

Un prazo, ademais, que non contribúe a disipar o temor da nova empresa á que se lle adxudicou o contrato, Acicala Estilismo,  ante a eventualidade de ter que asumir as débedas que New Model’s puidese ter contraídas con Facenda, a Seguridade Social ou as traballadoras subrogadas. Podería resultar finalmente, como así lles comunicou a CRTVG ás traballadoras, que Acicala Estilismo renuncie ao contrato.

Nese suposto, segundo a interpretación que fai o Subdirector do Departamento de Contratación, Patrimonio e Servizos Comúns, habería que tramitar un novo expediente de contratación, que coa nova Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, xa non podería incluír a obriga de subrogar as actuais traballadoras do Servizo de Estilismo, ficando os seus postos de traballo no ar.