Mobilización contra a política de medo, represións e despedimentos en Mercadona

A empresa presiona con especial intensidade ao persoal de baixa para que se reincorpore ao seu posto
A CIG realizou este venres unha concentración diante do supermercado que a cadea de distribución Mercadona ten no Centro Comercial Marineda da Coruña en rexeitamento á política laboral que aplica a empresa baseada no medo e as represións, e que resulta especialmente agresiva contra as traballadoras e os traballadores que collen unha baixa médica.
23/3/18.

A empresa, explica Roberto Pérez, da CIG-Servizos, exerce sobre este persoal un control, seguimento e coaccións enormes co obxectivo de que se reincorporen ao seu postos o antes posíbel "e se non colaboran corren serio risco de seren despedidas e despedidos". A persecución chega a tal punto de que, en ocasión, a empresa contrata detectives para que espíen as traballadoras/es que se atopan enfermas/os.

A este respecto, sinala que o propio departamento de Recursos Humanos de Mercadona está inzado de médicos e médicas que teñen como función 'convencer' o persoal para que se reincorpore ao traballo. En consecuencia, nos últimos tempos producíronse varios despedimentos de empregadas/os que estiveron de baixa médica por enfermidade común e que Mercadona considera que "non colaboraron suficiente" co servizo médico da empresa.

Como exemplo da represión que aplica Mercadona contra o seu persoal, o sindicalista expón o caso recente dunha traballadora que tras se incorporar dunha baixa de longa duración por cuestións psicolóxicas, foi castigada pola dirección, que a mandou ao peor posto do supermercado: o forno de pan.

"Isto a pesar de contar con informes médicos que explicitan que non pode estar nese posto. E que fai o médico que está no departamento de Recursos Humanos, pois dille que ese informe non serve para nada", denuncia.

"Sabemos destas actuacións alí onde temos presenza sindical e en moitos ocasións porque o propio persoal é quen comenta que despediron a un compañeiro ou compañeira", sinala Pérez. Isto é así, porque a política laboral da empresa "é absolutamente antisindical e opaca, non traslada información sobre ningún tema aos comités". Estas prácticas son facilitadas polo papel que xogan CCOO e UGT nesta compañía, "pois non só consenten nestas actuacións, senón que os seus delegados e delegadas actúan como apéndices do departamento de Recursos Humanos".

Relacións laborais baseadas no medo e o castigo

Mercadona, continúa Pérez, aplica unha política laboral tóxica baseada no medo e no castigo, e mesmo fai avaliacións ao seu persoal "como no colexio", que poden suspender, e cuxo resultado afecta de xeito importante as súas retribucións. "Esta tamén é unha maneira de ter controladas as traballadoras e traballadores, pois se se 'portan mal', Mercadona non lle paga a prima anual que reparte seguindo criterios totalmente arbitrarios e subxectivos, que só dependen do resultado dunha entrevista persoal".

Abundando nesta cuestión, a CIG-Servizos denuncian que existe "pánico laboral" entre o persoal, que Mercadona utiliza métodos propios para regular as relacións laborais alleos á lexislación vixente, e que propicia un ambiente "sectario". "O que se pode ver no departamento de recursos humanos de calquera empresa aquí está elevado á enésima potencia", advirte.

Fronte a isto, "o traballo sindical que queda por facer nesta empresa é enorme", recoñece Pérez, "porque calquera actividade sindical, na práctica, está prohibida". Neste senso, apunta que a CIG xa gañou sentenzas por represión sindical contra a Mercadona "e seguiremos denunciando todas estas políticas antilaborais e antisindicais".