A mobilización das traballadoras de limpeza da Xunta obriga a empresa a retomar a negociación

Volveron manifestarse para exixir igualdade salarial e de dereitos
As traballadoras de limpeza da Xunta manifestáronse un xoves máis diante do edificio administrativo de San Caetano para demandar que se lles recoñezan dereitos que lles son negados por ser mulleres. As mobilizacións, que veñen repetíndose todas as semanas desde finais do mes de maio coincidindo cos Consellos da Xunta, conseguiron os seus primeiros froitos. Este martes representantes do comité foron recibidas na Consellaría de Presidencia e ao día seguinte a empresa trasladou a súa intención de retomar as negociacións.
14/6/18.

O pasado venres o comité de empresa de Grupo Norte, concesionaria do servizo de limpeza da Xunta de Galiza, recibía como resposta ao escrito presentado o día anterior no rexistro unha chamada da consellaría de Presidencia para fixar unha data para celebrar unha xuntanza na que analizar a situación laboral das traballadoras.

A xuntanza celebrouse este martes día 12. No decurso da mesma representantes do comité deron conta da problemática existente, facendo especial fincapé na cuestión da brecha salarial. Segundo explica o representante da CIG, Anxo Noceda, os representantes da administración trasladaron a decisión da consellaría de contribuír para que se alcance unha solución do conflito.

Ao día seguinte era a empresa quen contactaba con cada unha das seccións sindicais que conforman o comité para manifestar a súa vontade de retomar as negociacións, solicitando unha data para unha vindeira xuntanza.

Á espera de que se celebre esa reunión, para a que propuxeron o vindeiro día 20 de xuño e para a que aínda non teñen confirmación por parte da empresa, as traballadoras acordaron continuar coas mobilizacións nos próximos xoves.

Discriminacións por cuestión de xénero

As traballadoras denuncian que están discriminadas porque nin unha soa, das 120 que forman parte do cadro de persoal, teñen recoñecido o dereito a percibir plus de toxicidade, penosidade ou perigosidade, mentres que si o están cobrando a práctica totalidade dos homes.

Por iso demandan que a empresa faga unha avaliación, posto de traballo por posto de traballo, para determinar a existencia ou non destes riscos e que se corrixa esta situación.

Denuncian tamén a discriminación que padecen por exceso de traballo a consecuencia da non substitución de baixas por IT, vacacións ou outro tipo de ausencias.

Xunto a isto, outra das discriminacións que sofren é a salarial, utilizando como subterfuxio as categorías profesionais, que son as que xeran esas diferenzas. E é que tamén neste caso se dá a circunstancia de que non hai unha soa muller que teña a categoría de peón especialista.