Entregan no Reitorado preto de 2.000 sinaturas en demanda do rescate do servizo de limpeza da USC

Representantes do comité rexeitaron, ás portas do edificio, a división en lotes da contrata
Representantes do comité de empresa do servizo de limpeza da Universidade de Santiago de Compostela concentráronse esta mañá diante do Reitorado e fixeron entrega de preto de 2.000 sinaturas en demanda do rescate da concesión, coa subrogación de todo o persoal, e rexeitando a división en lotes da contrata.
27/6/18.

No escrito que acompaña as sinaturas sublíñase que o servizo de limpeza da USC é propio, “de e para” a Universidade de Santiago cunha xestión privatizada.

Lémbrase ademais que desde hai anos os centros de traballo en Compostela foron sempre licitados nun único lote, polo que entenden que “non ten xustificación que na licitación do presente concurso se volva a partir este servizo licitándoo en dous lotes”.

Consideran que son “pouco ou nada” consistentes os argumentos empregados para tomar esta decisión xa que esa división “nin permitiría unha mellor xestión, nin tampouco existe imperativo legal que obrigue a tal división para facilitarlle a participación ás PEMES”.

Xunto a isto consideran que o feito de que a licitación quedara deserta “confirma que a participación ou non das PEMES nunha licitación nada ten que ver coa división en lotes, senón estritamente coas valoracións económicas que as empresas fan en cada momento”.

Prexuízos para o persoal

Alertan ademais dos “graves prexuízos” que suporía esa división en lotes para as traballadoras/es e de que “tampouco significaría nada positivo  á hora de que a USC xestione o seu servizo”.

Pola contra entende que se deben aproveitar as regulamentacións establecidas na Lei 9/17, a día de hoxe en vigor, e conforme a mesma proceder á reversión deste servizo á xestión directa da USC. “Entendemos que esta reversión significaría un importante aforro económico (uns 1,2 millóns de euros/ano) para unha administración pública como é a USC”.

Por iso demandan que se inicie o procedemento legal para a recuperación para a xestión directa deste servizo, coa subrogación das/os traballadoras/es adscritas ao mesmo.