A CIG mobilízase contra a nula prevención do acoso sexual no sector da atención ao fogar

Desenvolveu unha protesta en Vigo no xuízo contra a empresa IDADES, que xestiona o SAF de Salvaterra, tras a agresión sexual a unha traballadora

Vigo -

Traballadoras/es e delegadas/os dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) participaron hoxe na concentración convocada pola Secretaría das Mulleres e a CIG-Servizos de Vigo diante dos xulgados da cidade para denunciar a nula prevención do acoso sexual no sector coincidindo co xuízo no que unha traballadora reclama a rescisión de contrato por incumprimento empresarial grave das medidas de prevención. A compañía IDADES, que xestiona o SAF do Concello de Salvaterra de Miño, aceptou finalmente a rescisión de contrato e indemnizar a traballadora nos mesmos termos que o despido improcedente.

Segundo explican dende a central sindical, a afectada advertíralle á empresa en varias ocasións da situación de risco nun domicilio no que prestaba servizo, “mais a IDADES limitouse a contestar que ela era unha persoa con formación suficiente para afrontar o que puidese acontecer”. Meses despois a traballadora sufriu unha agresión sexual que a mantén de baixa por incapacidade temporal até a actualidade.

Tras a agresión a traballadora presentou denuncia diante da Garda Civil, do Concello de Salvaterra e da propia empresa. Esta última activou ao día seguinte o protocolo de acoso, “que rematou sen tomar ningunha medida de prevención no domicilio e nin sequera comunicarlle o resultado á traballadora”.

A Secretaría das Mulleres da CIG de Vigo denunciou os feitos na Inspección de Traballo, que o pasado 1 de abril emitiu unha resolución constatando o incumprimento grave da empresa en materia de saúde laboral pola falta de avaliación do posto de traballo e de medidas de prevención cara a traballadora.

Traballo de risco

Dende a central sindical fan fincapé en que o traballo de atención no fogar provoca unha forte carga física e psicolóxica, e é prestado na práctica totalidade por mulleres que acoden soas aos domicilios nos que atenden a persoas dependentes con diferentes tipos de patoloxías físicas e psíquicas, incluídas adiccións.

Isto fai que o seu labor teña unha exposición moi elevada a diferentes riscos, especialmente aos psicosociais, acoso moral e acoso sexual, máis tamén a riscos físicos que rematan en lesións musculares e esqueléticas derivadas da manipulación de dependentes con pouca mobilidade.

Malia o que as medidas de prevención por parte das empresas adxudicatarias son nulas, limitándose a contar cun plan de prevención xenérico que non avalía as condicións de cada domicilio. E a pesar de que o número de accidentes e de agresións no sector é moi alto as empresas non contan sequera cun rexistro dos mesmos, “estando normalizados como unha parte do traballo das auxiliares”.

As lesións, o acoso moral e o acoso sexual adoitan resolverse como neste caso: substituíndo a traballadora accidentada ou agredida por outra, sen sequera advertir á seguinte do risco ao que está exposta. Unha substitución que en moitas ocasións implica unha redución de contrato, “sendo a muller agredida penalizada cunha rebaixa de salario despois de ter sufrido unha agresión”.

Ao mesmo tempo, dende a CIG denuncian que as institucións implicadas (Xunta de Galiza e Concellos) eluden as súas responsabilidades, limitándose a esixir da empresa o cumprimento do servizo amparándose na lei de dependencia, “como acaba de suceder no Concello de Ponteareas, onde denegan sistematicamente medidas preventivas tan sinxelas como a suspensión temporal dun servizo ou que acudan dúas auxiliares aos domicilios nos que hai un risco alto de agresión”.

Finalmente, dende a central sindical insisten en que o acoso sexual é unha manifestación de discriminación e violencia cara a muller “que non se pode normalizar baixo ningunha circunstancia nin agochar tras a necesidade de atención á dependencia, nin expoñer as mulleres dun sector tan vulnerábel a sufrir agresións pola súa condición de mulleres e coidadoras”.

Volver