A gran xogada euroasiática: a viraxe ao leste
Alejandro Marcó del Pont -
A asociación entre Irán, Rusia e China caracterízase con frecuencia como unha «alianza táctica» impulsada por un interese compartido por frear o dominio estratéxico dos Estados Unidos e fomentar unha orde global multipolar. A «viraxe ao Leste» é indubidabelmente unha das tendencias xeopolíticas definitorias do noso tempo
A noción dun desprazamento xeopolítico e xeoeconómico cara a Oriente irrompeu con forza no discurso das relacións internacionais, presentándose como a resposta natural e case inexorábel das potencias revisionistas ao acoso occidental sistémico. Lonxe de ser unha simple reacción ás sancións lideradas polos Estados Unidos, a chamada «viraxe ao Leste» de Rusia e Irán, con China como pivote indispensábel, constitúe unha estratexia de longo alento, fondamente arraigada en doutrinas históricas e ambicións de poder que pretenden reconfigurar a orde internacional.
Argumentamos que, aínda que o desprazamento é real e as súas implicacións son profundas, dista moito de ser o bloque monolítico e cohesionado que ás veces se describe, aínda que claramente vai nesa dirección. Aínda así, non deixa de ser, un enguedello de intereses nacionais en converxencia táctica, onde a cooperación e a competencia coexisten nun equilibrio delicado e volátil.
A materialización máis visíbel da viraxe oriental reside nunha constelación de proxectos de infraestrutura, deseñados explicitamente para reescribir os mapas loxísticos e enerxéticos do mundo. Estes proxectos non son simples obras de enxeñaría; son instrumentos de poder xeoeconómico, concibidos para crear realidades irrevogábeis no terreo e forxar cadeas de interdependencia estratéxica.
O proposto gasoduto Poder de Siberia 2, cos seus máis de 6.000 quilómetros atravesando Mongolia, é presentado como o resumo da asociación ruso-chinesa. Cunha capacidade proxectada de 50.000 millóns de metros cúbicos anuais, pretende atar definitivamente a demanda enerxética chinesa aos vastos recursos de Siberia occidental.
Para Rusia, este proxecto é unha necesidade existencial. A perda do mercado europeo tras a invasión de Ucraína obrigouna a atopar un cliente alternativo de enormes dimensións. Pero esta dependencia converte a Rusia nun provedor cativo de China. Beijing, un negociador notoriamente tenaz, está nunha posición de forza inmellorábel para ditar prezos e condicións, aproveitándose da desesperación rusa.
O Corredor Internacional de Transporte Norte-Sur (INSTC), esta ruta multimodal de 7.200 km, que conecta a India co norte de Europa a través de Irán e Rusia, é visto como un corredor resistente ás sancións. En teoría, ofrece unha alternativa ao canal de Suez e reduce drasticamente os tempos de tránsito.
Reducir esta viraxe estratéxica a unha simple resposta ás sancións de 2014 ou 2022 é un erro analítico grave. Os seus alicerces afunden en doutrinas de pensamento profundo e cálculos xeopolíticos de décadas.
A «viraxe ao Leste» rusa está imbuída da ideoloxía do eurasianismo, popularizada por figuras como Aleksandr Dugin. Esta doutrina postula que Rusia non é nin europea nin asiática, senón unha civilización única e distintiva (a «Rusia-Eurasia») destinada a liderar un bloque continental alternativo ao «mundo anglosaxón» liberal. A viraxe de Rusia cara ao Leste concibiuse en gran medida sobre a base de consideracións xeoestratéxicas e xeoeconómicas. Rusia necesita apoiarse na rexión onde os procesos económicos e políticos globais se manifestan de forma concentrada. Dado que se perfila como o principal motor do crecemento económico mundial, o status de Rusia como potencia mundial dependerá en gran medida da fortaleza das súas posicións na rexión. Xeoestratexicamente, a dinámica político-militar en Oriente Medio e as relacións con India, socio crave na rexión do sur de Asia, son de grande importancia.
Para China, a «viraxe cara ao Oeste», encarnado na Iniciativa da Franxa e a Ruta (BRI, nas súas siglas en inglés) é a proxección natural do seu poder. Non é unha retirada defensiva, senón unha expansión ofensiva. A BRI é o brazo xeoeconómico dunha estratexia destinada a converter Eurasia na terra do medio interdependente de China, asegurando rutas de abastecemento, mercados para os seus excedentes e unha esfera de influencia que relegue os Estados Unidos á periferia do continente.
O papel de China na transformación euroasiática é o dunha áncora, impulsada polos seus propios imperativos estratéxicos. A Iniciativa da Franxa e a Ruta (BRI), introducida por primeira vez por Xi Jinping en Kazakhstán en 2013, é a grande estratexia xeoeconómica de Beijing para transformar o continente euroasiático. A iniciativa ten como obxectivo crear unha ampla rede de camiños de ferro, oleodutos, autoestradas e cruzamentos fronteirizos axilizados para ampliar o uso internacional da moeda chinesa, asegurar o acceso aos recursos e fortalecer os lazos cos países socios.
Un aspecto chave desta estratexia é a “diplomacia periférica” de China, que foi elevada á cima das súas prioridades baixo o liderado de Xi. No foro de traballo do PCCh de 2013, Xi Jinping cambiou a orde do marco xeral para as relacións exteriores de China, convertendo por primeira vez a diplomacia periférica na prioridade estratéxica principal. Isto reverteu a prioridade de Deng Xiaoping que en 1979 colocaba a diplomacia de «gran potencia», o que leva á Ruta da Seda como o estandarte. China móvese cara ao Oeste.
O pragmatismo chinés é absoluto. Beijing non ten reparos en financiar corredores alternativos que eludan os seus «socios» rusos e iranianos cando así convén aos seus intereses, como demostran os seus investimentos en rutas a través de Asia Central e o Cáucaso. O seu obxectivo non é construír un bloque antioccidental cohesionado, senón tecer unha rede económica tan profunda que a lealdade dos Estados da rexión cara a Beijing estea garantida polo interese propio. China ve a Rusia como un fornecedor de recursos e a Irán como un peón estratéxico útil para desestabilizar os seus rivais, non como pares nunha nova orde multipolar.
O «Mirar ao Leste» de Teherán é o exemplo máis claro dunha estratexia reactiva e pragmática. Acurralado por sancións devastadoras e un illamento diplomático crónico, a República Islámica non ten máis opción que se encamiñar cara aos únicos actores dispostos a desafiar abertamente a Washington. A implementación dun acordo de asociación estratéxica de 25 anos con China, a obtención da incorporación plena á Organización de Cooperación de Shanghai (OCS) e a expansión do comercio con Rusia son algúns dos resultados á vista. Para esta administración, a estratexia «Mirar ao Leste» ten o potencial non só de contrarrestar o impacto das sancións estadounidenses sobre Irán, senón tamén de ampliar o rango de opcións estratéxicas de Irán a longo prazo.
A asociación entre Irán, Rusia e China caracterízase con frecuencia como unha «alianza táctica» impulsada por un interese compartido por frear o dominio estratéxico dos Estados Unidos e fomentar unha orde global multipolar. A «viraxe ao Leste» é indubidabelmente unha das tendencias xeopolíticas definitorias do noso tempo. Reconfigurou fluxos enerxéticos, creou novas institucións e desafiou a primacía occidental. Con todo, é un proceso incompleto, precario e cheo de paradoxos.
A orde emerxente non será un mundo multipolar de polos equilibrados, senón un sistema xerárquico e conflitivo, caracterizado por unha intensa competencia interestatal dentro dun marco xeral de confrontación sistémica con Occidente. A gran xogada euroasiática non é o final da historia, senón o comezo dunha nova e máis complexa etapa de competición global, onde as alianzas serán fluídas, os intereses nacionais primarán sobre as ideoloxías e a estabilidade será a excepción, non a norma. O verdadeiro poder neste novo taboleiro non o terán os que proclamen lealdades eternas, senón os que, como China, mellor naveguen as turbulentas augas da interdependencia competitiva.
[Artigo tirado do sitio web El tábano economista, do 14 de setembro de 2025]