Chamada de socorro á cidadanía para o rescate dos medios públicos na cuarta xornada de folga da CRTVG
A folga pasa a ser, desde hoxe, indefinida diante da nula vontade de diálogo da dirección
Nacional -
Este luns tiña lugar a cuarta xornada de folga intermitente na CRTVG, coa mesma forza das anteriores, cunha nova afectación á emisión do programa O Termómetro e sen a máis mínima vontade da empresa de dialogar coa representación do persoal. En consecuencia, a partir de hoxe, a folga pasa a ser indefinida.
O persoal da CRTVG vén desenvolvendo paros parciais os luns, mércores e venres de 11:30 a 13:00 h, desde o día 7 de outubro, en defensa do servizo público e da produción propia tras a supresión e externalización de varios programas na Radio Galega e TVG.
Na concentración desta mañá ás portas das instalacións da Corporación en San Marcos, o persoal representou un SOS humano co fin de concienciar á cidadanía galega para que se implique na defensa do servizo público de radiotelevisión, secuestrada polo Partido Popular que goberna a Xunta.
O magazine informativo A Revista, en emisión durante 3 décadas, pasa a transformarse en O Termómetro, desenvolvido en coprodución con dúas empresas privadas.
Desmantelamento dos medios públicos
O comité de folga denuncia que a externalización, que agrava a manipulación informativa, e o desmantelamento programado dos medios públicos, volven estar no centro das denuncias do Comité Intercentros, convocante dos paros.
A CIG da CRTVG vén denunciando o funcionamento irregular da CRTVG en casos como o de Overon, respecto do que o Consello de Contas iniciou no mes de xuño, a través da súa sede electrónica o procedemento para a fiscalización da prestación do Servizo de produción e transmisión de sinal de directos para a CRTVG, adxudicado a esta empresa.
Do mesmo xeito, ten posto en dúbida a legalidade da maior parte da contratación de alta dirección na Corporación, cuestionado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e polo propio Tribunal Supremo; ten denunciado, de forma reiterada, as situacións de acoso laboral, o control político e manipulación informativa, exixindo o cesamento dos directivos investigados e a elección dun/ha novo/a director/a xeral por maioría reforzada do Parlamento da Galiza.
ILP por unha CRTVG ao servizo do pobo
A CIG fai, ademais, un chamado a apoiar masivamente a Iniciativa Lexislativa Popular “Liberemos a Galega” para poñer fin á manipulación informativa, garantir a independencia dos nosos medios públicos, o pluralismo político, social e cultural e preservar así o noso sistema democrático.