Confírmase que a folga no sector do transporte era unha pantomima
Nacional -
A CIG critica a actuación desleal e manipulación que CCOO e UGT pretenden facer co persoal do transporte, convocando primeiro unha folga que a todas luces non tiñan intención de realizar e anunciando despois a desconvocatoria por sectores en base a uns acordos nos que a patronal sae reforzada e as e os profesionais perden dereitos.
O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, apunta que o luns 21, UGT e CCOO informaban da desconvocatoria da folga no transporte sanitario co pretexto de que a patronal do sector asumía o compromiso de iniciar o procedemento de solicitude de coeficientes redutores, pero exixindo a cambio a sinatura do convenio estatal de ambulancias. A patronal saca proveito inmediato deste acordo e as persoas traballadoras do sector non.
Con respecto á folga en mercadorías, anuncian a desconvocatoria da folga na noite do xoves 24 tras un acordo no SIMA que supón o compromiso da patronal sectorial de solicitar a apertura dunha comisión para a implantación de coeficientes redutores, pero en realidade esa comisión (aínda que inoperativa) xa está creada dende o ano 2017. A cambio a patronal consegue unha serie de vantaxes que a CIG e o persoal se levan anos combatendo, como son:
-o control aleatorio de drogas e alcohol.
- a autorización para que as empresas poidan coñecer o número de puntos no carné que teñen os e as condutoras.
- a rebaixa do custe das cotizacións patronais polas continxencias profesionais, é dicir que lle saía gratis a cotización polas baixas nos accidentes de traballo.
- a petición de coeficientes sería só para as categorías de persoal condutor e condutor mecánico, deixando fóra todas as demais categorías laborais e excluíndo o persoal condutor de furgonetas, que é o máis precarizado.
A CIG insiste e comparte co sector a necesidade de levar adiante todas as medidas de mobilización que sexan precisas até conseguir o obxectivo de ver recoñecido por lei o dereito á coeficientes redutores para todo o persoal do sector que permita adiantar a idade de xubilación, burlando así a norma asinada por CCOO e UGT e o Goberno español no ano 2011 que prorrogou a idade ordinaria de xubilación até os 67 anos.
Con este obxectivo, a CIG vén desenvolvendo dende marzo unha campaña cun intenso traballo sindical, con asembleas e mobilizacións, e seguirá traballando co persoal do sector nesta xusta reivindicación.