Congresos obreiros galaico-portugueses

Manuel Mera -

Ao 2º Congreso acudiron 36 asociacións obreiras galegas e 44 portuguesas. Entre as resolucións hai que salientar que as sociedades presentes e as representadas se comprometían a facer todo o posíbel por organizar en asociacións propias os operarios e operarias de todas as localidades nas que fose posíbel artellar asociacións legais

 No ano 1901 realizouse na cidade de Tui o Congreso Obreiro Galaico-portugués, os días 17, 18 e 19 de xaneiro; foi o primeiro dun total de tres encontros. O seguinte celebrouse en Viana do Castelo do 15 ao 20 de abril de 1902, e o terceiro dende o 21 ao 26 de abril de 1903 en Braga. O obxectivo era estreitar a relación entre a clase traballadora da Galiza e Portugal e coordinar accións. O historiador Dionisio Pereira dinos que a unión galaico-portuguesa foi impulsada polo socialismo vigués e compostelán e polos seus parceiros do Porto, Braga e Viana do Castelo. Un dos obxectivos era controlar a entrada de man de obra de Portugal que se empregaba arreo pola patronal galega para crebar as folgas na construción.

 No Congreso de Tui foron aprobadas 43 credenciais representando a 92 asociacións obreiras, nas que estaban integrados 60.160 afiliados e afiliadas. A presidencia foi ocupada por un delegado da Coruña, José Rodríguez, e a vicepresidencia por Concepção Fernandes, representante dos obreiros metalúrxicos do Porto. Como secretarios/as do Congreso foron escollidos delegados de Ourense, Porto, Pontevedra e Viana do Castelo. Ou sexa, a mesa presidencial era paritaria entre galegos/as e portugueses/as do norte (ou sexa, a histórica Gallaecia do sur).

 Os/as congresistas acordaron dotarse de comisións de propaganda en Vigo e en Viana do Castelo. Ao peche do Congreso e nos días seguintes fixéronse mitins en Ourense e Vigo, para divulgar as conclusións, destacando os xornais que os locais estaban ateigados de xente. O día 20 realizouse o mitin de Ourense ao que se sumaron moitas persoas da zona, así como representantes de Ferrol e A Coruña, dos sindicatos participantes no Congreso.

 Ao 2º Congreso acudiron 36 asociacións obreiras galegas e 44 portuguesas. Entre as resolucións hai que salientar que as sociedades presentes e as representadas se comprometían a facer todo o posíbel por organizar en asociacións propias os operarios e operarias de todas as localidades nas que fose posíbel artellar asociacións legais, e nas que non, organizaríanse ‘grupos de propaganda’ e de ‘emancipación obreira’. Ademais, acordouse que o Congreso enviase un saúdo á Secretaria Internacional en Bruxelas, sede da 2ª Internacional, e que se constituíse unha “Unión Libre” entre as asociacións existentes para fomentar a educación e obter mellores resultados reivindicativos.

 O seguinte Congreso, o 3º e último, realizouse en Braga, que fóra no seu día capital da Gallaecia. Asistiron 47 asociacións de Portugal e 30 de Galiza. Os medios destacan neste encontro a intervención de Custódio Dantas, un delegado dos refinadores de azucre do Porto, que fixo a seguinte reflexión contra os monopolios acompañada dunha proposta de resolución posterior: “Considerando que é da máxima necesidade que a clase traballadora estea unificada para o mellor emprendemento das súas loitas contra os explotadores da humanidade, coido que é preciso combater de xeito intransixente non só a explotación fabril, que non se xustifica, así como todos os monopolios que se comezan a desenvolver e que constitúen a maior explotación...”. Unha valoración que reflicte o grao de politización dos debates e resolucións deste encontros entre a clase traballadora dos “dous pobos irmáns”.

 Respecto de que non continuasen estes congresos obreiros, o historiador Eliseo Fernández, salienta que: “infelizmente o Congreso de Braga puxo termo ao percorrido da Unión Galaico-portuguesa. O Congreso de Pontevedra, que era o seguinte, foi adiado e finalmente non se realizou (...). A tentativa da solidariedade obreira de superar as fronteiras artificiais malogrouse, mais os seus froitos ficaron presentes por moitos anos entre os obreiros das dúas marxes do Miño”.

 

[Galiza, 16 de setembro de 2025]

Volver