Delegadas da CIG dos Centros Socioculturais de Compostela demandan a municipalización do servizo
Considera que sería a única forma de frear o desmantelamento, garantir o emprego e a prestación dos servizos
Compostela -
A Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago “é un servizo que se define en termos de inestabilidade, precariedade e desgaste humano”. Así o afirman as delegadas da CIG que denuncian que “medrou desorganizadamente, onde a zona rural foi e segue sendo un dos elementos máis desatendidos e abandonados, conxuntamente coa situación das persoas que manteñen vivo este servizo, as traballadoras”.
As delegadas consideran que o mes de marzo do 2025 vai pasar á historia da cidade por ser a primeira vez que unha empresa “abandona o servizo antes dunha nova adxudicación, deixando sen traballo a 60 traballadoras e deixando sen servizo a miles de cidadáns que no día a día son atendidas por persoal da subcontrata municipal Serviplus”.
Denuncian que será tamén “a primeira vez que un goberno municipal progresista permite esta situación” e aseguran que a empresa “leva avisando da súa situación insostible dende o mes de xullo do 2024, cando o goberno prorrogou un ano máis o contrato esperando a saída dos novos pregos, polos que aínda estamos agardando após máis de 6 meses”.
Lembran que Serviplus seguiu avisando a inicios de outubro, ao meter por rexistro unha solicitude de rescisión do seu contrato se o concello non lle abonaba as facturas atrasadas dos 6 últimos meses; que seguiu avisando nos meses de novembro, decembro, xaneiro e febreiro co retraso continuado no pagamento das nóminas do persoal e que segue avisando cunha nova solicitude de rescisión do contrato, agora si, con data de finalización do seu servizo para o presente mes de marzo.
Por iso denuncian que “este goberno non escoitou a esta parte social, non respondeu ás nosas preguntas, e non resolve agora as nosas dúbidas ca continuación do servizo” e pregúntanse se terá un “plan B” ou “que vai pasar cando remate o mes de marzo e non haxa empresa que continúe no servizo”
Alertan de que isto suporía “permitir que 60 persoas vaiamos á rúa” ou “que se cancelen máis do 80% das actividades da rede de centros”, o feche de instalacións, practicamente todas no rural e moitos servizos no centro. “Vai permitir que miles de usuarias queden sen actividades que xa pagaron?”, conclúen.
As delegadas reclaman ser recibidas con urxencia pola Alcaldesa Goretti Sanmartín e o Concelleiro Xan Duro, ante o que definen como “situación catastrófica” e conclúen que “o desmantelamento da rede de centros só pode pararse cunha xestión directa do servizo por parte do concello”, entendendo que “a municipalización é o único camiño”.