Escenarios de guerra
Manlio Dinucci -
Ao acusar a Rusia de violar deliberadamente o espazo aéreo polaco, a OTAN non menciona o feito que Bielorrusia anunciara antes derrubar varios drons que saíron da súa ruta por mor das interferencias causadas por sistemas de guerra electrónica
En Europa
«Drons provenientes de Rusia violaron o espazo aéreo polaco. As nosas defensas antiaéreas garantiron con éxito a defensa do territorio da OTAN. Os membros da alianza expresaron a súa solidariedade e denunciaron o comportamento imprudente de Rusia. É evidente que esta violación non é un incidente illado.» Iso declarou o secretario xeral da OTAN, o neerlandés Mark Rutte, precisando que tamén participou na operación un avión italiano: Un G550 CAEW[1] da forza aérea italiana que despegou da base aérea de Amari, en Estonia. Trátase dun avión que realiza funcións de mando, control e comunicacións, un verdadeiro posto de mando voador capaz de coordinar operacións militares –proxectado e construído en Israel–.
Ao acusar a Rusia de violar deliberadamente o espazo aéreo polaco, a OTAN non menciona o feito que Bielorrusia anunciara antes derrubar varios drons que saíron da súa ruta por mor das interferencias causadas por sistemas de guerra electrónica durante un enfrontamento aéreo entre Rusia e Ucraína, e que as autoridades bielorrusas avisaran a Polonia e Lituania do achegamento daqueles drons. Por certo, a OTAN tampouco non di que non había rastros de explosivos entre os fragmentos de drons achados no leste de Polonia.
O ministerio de Defensa da Federación Rusa fixo saber que as forzas armadas rusas atacaran durante a noite varias estruturas militares na parte occidental de Ucraína e precisou que as forzas rusas non tiñan obxectivos en Polonia. O ministerio ruso de Defensa expresou mesmo a súa disposición a abrir unha consulta con Polonia sobre o incidente, mais esa proposta rusa quedou sen resposta.
A Unión Europea adoptou a mesma posición que a OTAN. O presidente da UE, a alemá Ursula Von der Leyen, falou de «violación temeraria e sen precedente do espazo aéreo polaco e europeo por parte de Rusia». E dixo: «A liberdade de Ucraína é a liberdade de Europa. Vinte e seis países da “coalición de voluntarios” dixeron estar dispostos a ser parte dunha forza de reaseguramento en Ucraína no contexto dun cesamento do fogo. Ninguén apoiou a Ucraína como a Unión Europea, que até o de agora outorgou case 170 000 millóns de euros en axudas militares e financeiras. E haberá que outorgar outras. Ao principio deste ano emprendemos un plan que prevé dedicar 800 000 millóns de euros ao sector da defensa. Naturalmente, a OTAN sempre seguirá sendo fundamental.»
Noutras palabras, os países da Unión Europea manteranse na OTAN, baixo as ordes de Estados Unidos.
En América Latina
O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, denunciou que 8 buques de guerra estadounidenses equipados con 1 200 mísiles apuntan ao seu país. Naturalmente, o presidente Maduro puxo Venezuela en estado de alerta máxima.
Oficialmente, o despregamento de barcos de guerra estadounidense en augas próximas a Venezuela estaría dirixido contra os cárteles da droga, nese e noutros países latinoamericanos. Mais en realidade ese despregamento naval trae á memoria as intervencións militares dos Estados Unidos en numerosos países de Latinoamérica.
Recentemente, Washington elevou a 50 millóns de dólares, a recompensa que ofrece pola captura do presidente Maduro, cuxa reelección –en 2024– os Estados Unidos se negan a recoñecer.
Nese contexto, que fai pensar evidentemente na preparación dun ataque contra Venezuela –país que conta coas máis grandes reservas de petróleo confirmadas de todo o mundo–, a administración Trump tamén está a situar en Porto Rico –a uns 700 quilómetros das costas venezolanas– avións de guerra F-35 e tropas do corpo de Marines.
No Medio Oriente
Israel acaba de bombardear Doha, a capital de Qatar, nun intento de eliminación física dos negociadores do Hamas. No ataque seica participaron 15 avións israelís que lanzaron unha decena de mísiles.
O presidente Donald Trump afirmou que a decisión de bombardear a capital de Qatar foi tomada polo primeiro ministro de Israel, Benyamin Netanyahu, sen contar co goberno dos Estados Unidos.
Esa versión non é críbel: a só unha trintena de quilómetros do edificio bombardeado en Doha está a base aérea estadounidense de Al-Udeid, a máis grande que Estados Unidos posúe en toda a rexión. Por conseguinte, o mando desa importante instalación militar estadounidense tivo obrigatoriamente que ser advertido previamente de que Israel ía bombardear un edificio tan próximo á base dos Estados Unidos. Proba diso é o feito que cando os avións israelís penetraron no espazo aéreo qatarí, o mando da base estadounidense non activou ningún tipo de alarma nin efectuou acción ningunha contra os aparellos atacantes.
Dito claramente, a defensa antiaérea da base dos Estados Unidos en Qatar permitiu que os avións israelís bombardeasen a capital qatarí.
Nesa mesma rexión, é grazas ao apoio constante de Estados Unidos e a OTAN que o exército de Israel segue destruíndo tranquilamente o pouco que aínda queda en pé en Gaza, segue expandindo a ocupación de Cisxordania e prosegue o masacre contra a poboación palestina, utilizando para iso tanto as bombas como a fame.
[Artigo tirado do sitio web Rede Voltaire, do 14 de setembro de 2025]