O Concello de Ponteareas aproba o prego de licitación do SAF por baixo do prezo de mercado
A CIG denuncia que deste xeito non se garanten os dereitos laborais do cadro de persoal e augura nova conflitividade no servizo
Ponteareas -
O Concello de Ponteareas sacou adiante onte cos votos a favor do PP e en contra da oposición o prego de condicións do concurso de licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por debaixo do prezo de mercado, o que para a CIG vai impedir que se garantan os dereitos do cadro de persoal e traerá nova conflitividade.
Un grupo de empregadas do SAF participou no pleno municipal que se celebrou pola tarde para reclamar dos grupos políticos o rexeitamento do prego, lembrando que os diferentes Gobernos locais optaron por prestar o servizo ao mínimo prezo posíbel obviando os dereitos das traballadoras. “O resultado desta política foi que o persoal tivo que traballar centos de horas non retribuídas, polo que agora ten que acudir ao xulgado para reclamar das diferentes empresas o salario deixado de percibir”, tal e como explicou unha das traballadoras durante a sesión plenaria.
Neste senso, aproveitou para “agradecerlle” ao PP que a pesar de estar “debidamente informado” lle devolvera a fianza á empresa Samain sen reclamarlle que se fixera cargo das demandas pendentes no xulgado.
E denunciou que outro Goberno máis propón a licitación do servizo a un prezo insuficiente, por debaixo incluso do prezo de mercado, o que non garante os dereitos laborais, e vai incluso en contra da propia lei de contratación do sector publico, “que establece que o órgano de contratación asume a obriga de tomar as medidas para garantir que na execución do contrato o contratista cumpre coas obrigas en materia medioambiental, social e laboral”.
Ao mesmo tempo, alertou de que nin sequera se garante a execución das 90.000 horas anuais de servizo orzamentadas e puxo como “exemplo vergoñento” da deficiente elaboración dos pregos o feito de que establezan a obrigatoriedade de ter a coordinadora localizable de xeito inmediato 24horas/365, algo imposíbel dentro da normativa laboral. “Pero ademais pretenden que sexa de balde, pois no estudo económico non prevén o pagamento do preceptivo complemento de dispoñibilidade”.
Como tampouco se ten en conta que no contrato hai prevista unha rebaixa da xornada laboral que suporá un impacto do 4%. “Cada céntimo que non está recollido no prezo vai directamente ao noso peto, e xa estamos cansas e fartas, moi fartas”.
Cada céntimo que non está recollido no prezo vai directamente ao noso peto, e xa estamos cansas e fartas, moi fartas.
A traballadora lembrou na súa intervención que contan cun acordo no Consello Galego de Relacións Laborais do ano 2023 -que legalmente ten a validez dun convenio- polo que se mellora o pagamento dos complementos diarios de sábado tarde, domingo e festivo, e que contempla un complemento de transporte diario de dous euros. “A inclusión deste acordo na valoración do prezo supón 0,84 euros/hora para o ano 2024 que vostedes non queren pagar”, censurou.
Sinalou tamén que as traballadoras apenas perciben o SMI, polo que están a traballar a apenas 9 euros a hora. “O recoñecemento destas condicións supón unicamente uns 40 euros brutos ao mes de transporte, e 79 euros/mes de complementos por enriba do convenio no caso das auxiliares de fin de semana; pero a intención deste Goberno é que non se nos pague e volvamos a ter un conflito”.
E lamentou que o Concello actúe de xeito premeditado en contra da Lei de Contratación do sector público que obriga no seu artigo 130 a facer constar nos pregos todos os pactos en vigor aplicábeis ás traballadoras ás que afecte a subrogación.
Concurso deserto
En consecuencia, atreveuse a vaticinar que o concurso quedará deserto ou en mans dunha empresa ‘pirata’, “porque as empresas decentes e profesionais deste sector non concursan a 20 euros a hora”. E augurou que vai ser moi complicado cubrir os servizos por falta de persoal, xa non hai profesionais que queiran traballar nas actuais condicións. “Para atender a máis de 100 persoas usuarias durante 365 días precisan incrementar o 30% do persoal, sendo neste intre xa case imposíbel de cubrir”.
Por iso apelou á necesidade de “darlle unha volta” ao servizo e “mudar radicalmente” a súa organización. “Fagan unha política honesta e busquen a solución aos problemas de organización e financiación do SAF na Xunta do PP e no Goberno do Estado do PSOE”. “Porque este servizo esencial non pode seguir baseado na explotación laboral das mulleres, unha explotación que vostedes avalan aprobando estes pregos”.
Novas relacionadas