O persoal da Escola de Música da Coruña prosegue as mobilizacións pola xestión pública directa
A Coruña -
Dentro do calendario de mobilizacións acordado, o persoal da Escola Municipal de Música da Coruña concentrouse este mércores diante do centro educativo para exixir a xestión directa por parte do Concello, que se lle asigne o orzamento necesario para ofertar unha ensinanza pública e de calidade e para demandar que se respecten os dereitos laborais.
A delegada do persoal, Matilde Teijeiro, valorou que dende que comezaron as denuncias públicas e as protestas, producíronse avances por parte do Consorcio para a promoción da música, ente ao que está adscrito a escola, no relativo ao pago dos atrasos salariais recollidos no convenio, que aínda se lle adebedan aos traballadores e traballadoras.
En canto á municipalización do centro, Teijeiro indica que "sabemos que non se vai resolver dun día para outro, pero seguiremos insistindo" porque acadar esta solución é cuestión de vontade política. O persoal dá por suposto que entre tanto se producirá unha prórroga do contrato-convenio co Consorcio e neste sentido, agardan que na reunión do día 22 co concelleiro de Cultura "se nos detalle en que vai consistir este acordo".
A representante do persoal lamentou que non se lle permitira intervir no escano cidadá do último pleno, no que a preguntas da oposición sobre o destino que se lle deron aos 250.000 euros consignados para escola só houbo unha vaga resposta. Teijeiro explicou que aproveitou a súa presenza no pleno para reiterarlle á alcaldesa da Coruña e ao concelleiro de Cultura o mal estado do edificio da escola e a falta de mantemento das instalacións.
A este respecto, lembrou que hai unha semana se produciu un desprendemento da cornixa da entrada e aínda que o Goberno municipal se comprometeu a enviar a persoal técnico para avaliar a situación do edificio "a día de hoxe non apareceu ninguén".
Así as cousas, o persoal docente e de administración da Escola de Música continuará coas mobilizacións para conseguir que o Concello da Coruña asuma a xestión directa, que a Escola conte co orzamento necesario para ofertar unha ensinanza pública e de calidade e reivindicar que se cumpra co estabelecido no convenio colectivo e se abonen de inmediato os atrasos salariais xerados dende xaneiro de 2021.